La Voz de Galicia

A Ramiro Carregal Soccer Cup ou unha volta á normalidade

Arousa

Alberto Varela louva a «valentía» do San Martín por ser o primeiro en volver organizar un torneo tras a pandemia

09 Apr 2022. Actualizado a las 05:00 h.

Doce equipos de categoría Sub-16 (cadete) divididos en tres grupos e tres días de competición, do venres 15 ao domingo 16 deste mes. A primeira edición da Ramiro Carregal Soccer Cup de Vilaxoán tivo a súa posta de longo onte ao mediodía, no consistorio de Vilagarcía, co alcalde e co concelleiro de Deportes, Alberto Varela e Miro Serén, acompañando o coordinador do campionato, Tino Buján, e a presidenta do San Martín, Laura Navia.

Tino Buján foi o encargado de debullar os detalles deportivos dunha nova iniciativa no xa amplo abano de torneos de fútbol base na comarca. En xogo, doce equipos, encadrados de saída en tres grupos. O verde, co Fútbol Origen Andaluz, selección de xogadores da comunidade sureña, co Juventud Estadio (Oviedo), co Arousa e coa Fundación Real Valladolid. O vermello, co Real Valladolid C.F., co Victoria C.F., co Rápido de Bouzas e mais co anfitrión, San Martín. E o azul, co Gil Vicente (Portugal), co C.D. Parquesol (Valladolid), co Pontevedra e coa E.D. Val Miñor. No estadio municipal de Vilaxoán, dirimirán a fase de grupos entre o venres, con partidos de 45 minutos a tempo corrido, entre as 10 e as 21 horas, e a mañá do sábado, de 9 a 14. Os cuartos de final xogaránse na tarde do sábado, de 19 a 21 horas, e as semifinais, final de consolación e partido polo título, na mañá do domingo. A entrada por día terá un prezo de 10 euros, con posibilidade de sacar un abono para as tres xornadas por 18 euros.

Tras a Ramiro Carregal Soccer Cup aparecen o San Martín e a firma Clae Viajes; esta última, valedora tamén das Copas Ribadumia benxamín e infantil de xuño. A presidenta do club, Laura Navia, declarou na presentación que: «Desde el San Martín estamos ilusionados con este nuevo proyecto. Es una primera edición con equipos Sub-16 de primer nivel». E sobre o nome do campionato, explicou: «Desde la directiva quisimos demostrar nuestro agradecimiento a Ramiro Carregal, porque sin su ayuda hace tres años, el club no estaría ahora».

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, resaltou pola súa parte a transcendencia que, na súa opinión, ten a Ramiro Carregal Soccer Cup neste momento: «Este é un día moi importante, moi importante para a nosa cidade, de recuperar esa normalidade que tanto ansiamos. Vilagarcía sempre se caracterizou por ser unha cidade oganizadora de eventos deportivos e este é un paso na recuperación desa normalidade». É por iso que o rexedor quixo agradecer a súa iniciativa tanto a Clae Viajes como ao San Martín por «ser valentes, os primeiros en dar o paso» no campo da organización de torneos postpandemia.


Comentar