Da sustentabilidade turística e doutros vocablos
Arousa
21 Aug 2022. Actualizado a las 05:00 h.
Sustentabilidade é un concepto que enche a boca de dirixentes e expertos en moi variados eidos, de xeito que os seus discursos repíteno, aínda que non se saiba con exactitude o que significa; iso si: queda ben. Se imos ao dicionario dinos que sustentabilidade é a «característica da evolución que permite preservar, manter ou mellorar a calidade dos recursos e dos equilibrios naturais, así como velar polo futuro». Está de moda no mundo da actividade turística, no que se utiliza profusamente. Outra cousa é que os cambios que debería levar consigo non se perciben e por iso xa xurdiu en inglés unha palabra para definir esa situación: o greenwashing —inicialmente imaxe ilusoria de responsabilidade ecolóxica, estendido ás empresas turísticas que proclaman a importancia da sustentabilidade sen facer nada efectivo—.
Este territorio do Salnés leva poñendo tódolos seus encantos e servizos, ata a educación da xente, ao dispor do visitante, dun xeito que podería parecer que ese territorio e os seus recursos son infinitos e non esgotables. Desde os puntos de vista do visitante e do residente esa xenerosa dispoñibilidade, auspiciada desde vellas políticas de fomento, presupón que o turista actual quere seguir compartindo os atractivos da zona coas multitudes que no verán se amorean a diario e que o residente tamén desexa, como se esperase un maná, ese xentío ao que lle abre os brazos para compartir o que ten. Pero son, agora mesmo, premisas falsas ámbalas dúas.
Hoxe o visitante xa pide calidade e exclusividade, autenticidade, un entorno natural coidado, patrimonio e gastronomía e van sendo os máis os que foxen de compartilos con multitudes. Tamén o residente resiste asfixiado polo turismo masificado e empeza a reivindicar o lugar nese territorio de seu. Porque non é o mesmo ser turista que residente. O turista tipo vén para consumir recursos e non ten preocupación ningunha polos ámbitos social e económico —un exemplo extremo son os bárbaros, mamarrachos sen vergonza que fan pintadas no patrimonio ou profanan cemiterios, onde repousan os defuntos da parroquia, para facer botellóns—, mentres o residente ten a obriga de conservar eses recursos e afrontar cada día do ano as dificultades ambientais, económicas e sociais do lugar. Por iso xorden movementos na defensa dos veciños fronte á avalancha de miles de visitantes que coa súa conduta están a facer nacer sentimentos e situacións novas como a turismofobia, a turistificación ou a xentrificación, derivadas do desprazamento da veciñanza do seu espazo, usurpado e menosprezado polo turista. Non é sustentable o turismo tal como se está a practicar nestas terras. Pero as Administracións públicas e os empresarios do sector non se poñen de parte do residente e seguen a investir millóns de euros na procura dun efecto chamada, apoiándose nos indubidables atractivos desta zona; ao que, tamén hai que dicilo, hai que engadir unha política de prezos eufemisticamente chamada competitiva, ou sexa: á baixa.
O reino do ruído infinito
Ese cóctel provoca que cada verán aparezan rúas, estradas, praias, espazos naturais, restaurantes, os infinitos chiringuitos, ateigados de coches e miles de persoas —ruído, ruído infinito— que tan pronto como o enchen todo, igualmente o baldeiran deixando tras de si un regueiro da ocupación humana para que o soporten os contribuíntes locais. O sector turístico sempre foi resiliente —outro palabro que se leva— pero agora mesmo ten o futuro comprometido e só lle queda un camiño para sobrevivir: o da sustentabilidade —si, si— que o será só se salvagarda os dereitos dos residentes para que non se faga incompatible, inimigo, sermos veciños con seren turistas.