La Voz de Galicia

De que querería ser alcalde e non alcaide

Arousa

X. A. Ochoa O Grove

30 Oct 2022. Actualizado a las 05:00 h.

O conto infantil máis obsceno que sei é o da ratiña presumida. Todo o mundo o coñece, pode que estea a ser freudiano, pero vén sendo un relato que non acae nestes tempos que corren por moitas e variadas razóns nas que non é cousa de parármonos hoxe. Resulta que a roedora, máis furona que rata, topou unha moeda de ouro e despois de matinar en que a gastaría, aforradora non era, decidiu mercar uns lazos de seda encarnados para parecer guapa —nunca entendín como se asociou fermosura cunha rata— por ver a quen enganaba. Así enfeitada, púxose na solaina ofrecéndose para casar co mellor postor —viva o amor— e mantivo a mesma conversa, inexplicablemente a verdade, con diversos machos: burro, galo, rato —calquera infante da miña quinta pensaría que diría que si a este por aquelo de non xuntarse cun de fóra— e un gato. A dos lazos vermello pasión fíxolle a mesma pregunta —indecente, impúdica— a cada un: «E como farás polas noites?» Vaites, vaites. Acordoume esta fábula non por chamarlle aos alcaldes ratiñas presumidas, que non o serán, senón porque digo: e se eu fose alcalde, que faría?. Porque a min gustaríame moito ser rexedor da miña vila. A palabra alcalde é árabe e ten un significado etimolóxico, al qadí, de impartir xustiza, polos tempos nos que esa figura servía de xuíz; no fondo, segue a ser quen ten que dar a cada un o seu. Diferente resulta a parecida alcaide que vai máis referida a custodio de presos. Non se deben trabucar os dous vocábulos, por non confundirmos municipio con prisión. Pois diante desa pregunta de que faría se fose alcalde, tería que empezar como a ratiña por adoptar unha imaxe e, despois, daría en propoñer algunhas cousas. Por dicir, buscaría o xeito de que os dependentes do meu concello non precisasen ir a residencias e investiría no servizo de atención a domicilio, de xeito que non houbese necesidade de desprazalos dos seus ambientes. Reformaría o planeamento urbanístico para dotar á vila de espazos de encontro: prazas públicas, equipamentos sociais, deportivos, culturais, educativos. Só deixaría construír vivendas se se acreditase a necesidade. Se fose un municipio rural esixiría a concentración ou concertación parcelaria e prohibiría en serio urbanizar terras de cultivo. Se houbese ocupación turística imporía unha taxa aos visitantes e limitaría o seu número. Se tivese praias, buscaría que se pagase por tocar a area e por aparcar na contorna, con exención dos residentes. Imporíalle aos Bancos os impostos máis elevados que puidese, prohibiría que se fixesen colas na rúa e bonificaría aos que atendesen persoalmente á xente e nun intre de cabreo declararía persoas non gratas aos donos desas entidades. Impediría a circulación dos coches que sobrepasasen o número de prazas de aparcadoiro e instauraría un transporte público local eficaz. Faría do meu municipio un xardín natural. Loitaría para que se comprendesen, protexesen e respectasen os patrimonios cultural e medioambiental. En resumo: que o veciño fose o orgulloso fidalgo no seu pazo. Claro que, aqueloutrada máis, aqueloutrada menos, non estou a dicir nada novo: iso mesmo proporán todos os que aspiren a ser alcaldes. Un deles gañará a vara de mando e é aquí cando me toca seguir coa lea inmoral da ratiña gabanciosa. Resulta que as parvadas que lle prometeron para as noites o burro, o galo e o ratiño —nada doutro mundo— non a convenceron e deixouse conquistar polos aloumiños e garatuxas do gato, un pouco simple e cotroso, que lle ofreceu miañar con dozura. A primeira noite o gato papouna sen máis, como tiña que ser. Pois iso: que non vou para alcalde porque agora mesmo non sei se para que me elixisen tería que aparentar ratiña presumida ou gato pillabán.


Comentar