Un gol en propia meta bástalle ao Arousa para seguir á estela do Fabril
Arousa
Las imágenes del partido entre el Arousa y el Viveiro
Os de Luisito Míguez completan ante o Viveiro CF unha volta enteira sen perder (1-0). O equipo xuvenil pode amarrar a permanencia este domingo en Zacande
04 Mar 2023. Actualizado a las 22:11 h.
O Arousa mantén o líder, Deportivo Fabril, a tiro de 2 puntos, logo do triunfo por 2-1 do filial herculino sobre o Gran Peña Celta C e dunha curta vitoria arlequinada sobre un Viveiro CF que botou de menos o sancionado Schuster e cun único tanto, en propia meta, de Édgar á media hora de xogo.
Luisito e Alberto López saíron con idéntico plan de partido. Enchendo de efectivos o centro do campo con intención de gañar a partida pola posesión do balón. Mais a escasa duración do coiro nas botas duns e doutros impediu coñecer se a seguinte parte do plan pasaba por madurar a pelota ata conseguir extraerlle todo o seu xugo, ou tirar de verticalidade a modo de pim pam pum. Bastante tiñan no Arousa e no Viveiro con pelexar un balón sen dono máis aló dos contados segundos que tardaba en cambiar de titular nunha loita sen cuartel.
E así foi ata que aos 25 minutos os locais comezaron a impoñerse na pugna. Certo é, sen apenas posibilidade de circular o coiro antes de ser blocados por un rival viveirense, avanzando a modo de rugbieres máis ca futbolistas. Pero a deusa fortuna quixo aliarse co cadro arlequinado á media hora de xogo. Nunha falta en tres cuartos de campo escorada a banda esquerda que Julio Rey colgou ao corazón da área. Tentando desviala, Édgar conectou un testarazo imparable para o seu compañeiro Casillas, que non puido facer outra cousa que recoller o balón do fondo das mallas da súa portería.
Antes do gol, un cabezazo de Sylla no arrinque do encontro noutro saque de falta, co coiro índose pegado ao pau esquerdo, e un bo pase filtrado de Julio Rey a Borja Míguez en carreira, cortado por un defensa visitante, precederan a un disparo ao lateral da rede de Julio Rey nunha gran xogada persoal do mellor home da primeira parte xunto con Brais Pedreira. Poucos méritos para o 1-0, pero sen dúbida, inmensamente maiores cos dous contados centros á área chica de Manu Táboas sen rematador que apuntou o Viveiro.
O equipo visitante tentou subir liñas tras o dobre golpe que supón encaixar primeiro, e facelo abatido polo fogo amigo. Pero o cadro da Mariña tan só conseguiu perder a que fora e leva semanas sendo a súa grande arma na loita por puntuar na carreira pola supervivencia na Terceira RFEF. Abrindo espazos na súa ata entón mesta e sólida malla trenzada en 4-1-4-1 para un Arousa que nos dez últimos minutos previos ao descanso ben puido ampliar a súa vantaxe por tres veces.
O 2-0 que puido ser e non foi
Con moita fame nos ollos e nas pernas, os de Luisito lograron imprimirlle verticalidade ao seu xogo, sobre todo a base de rápidos e contundentes contragolpes. No minuto 36, Casillas atrapaba un cabezazo de Sylla nun bo centro de Brais Pedreira. No 42 este último asinaba un centro-chut por liña de fondo que un defensa desviou o xusto para que o balón pegase na parte superior da trabe da portería lucense e marchase a córner. E no derradeiro minuto da primeira parte, Casillas tivo que aplicarse para evitar que un disparo de Sylla desde o bordo da área grande acabase no interior da súa portería.
O adestrador do Viveiro moveu pezas nada máis volver do pase intermedio por vestiarios. Yepes relevou a Cristian no lateral dereito e Juan substituíu a Rolle na medular. Só sete minutos despois, con dous sustos xa no corpo, Alberto López fixo outros dous cambios. Iker entrou polo desafortunado Édgar e Fanego por Sané logo de ver a Borja Míguez mandar ao ceo cun defensor encima e a uns palmos de Casillas un gran pase desde banda dereita de Brais Pedreira. Catro minutos despois, Sylla non foi quen de controlar o balón que o porteiro visitante desviara cunha palomita nun centro cirúrxico de Cotilla ao que non chegara no primeiro pau Borja Míguez. O coiro pegoulle no peito ao senegalés, sen que este fose quen de manexalo, índose fóra por liña de fondo.
Os cambios nas filas luguesas precisaron do seu tempo para surtir o efecto pretendido polo seu estratega. Sen o menor rastro daquel centro do campo aguerrido e encarado dos primeiros 25 minutos, o Viveiro tivo que aplicarse a achicar as acometidas vilagarciás. Ata que, quizais por cansazo, quizais pola tranquilidade de verse ante un rival sen colmillos, o Arousa empezou a padecer as visitas do conxunto da Mariña aos dominios de Manu Táboas.
Desde a grada, onde cumpría o primeiro dos seus dous partidos de sanción, Luisito reaccionou refrescando un once que comezaba dar sinais de fatiga. Iñaki Martínez substituíu a Santi Figueroa e Hugo Losada a Sylla, mentres o técnico do Viveiro queimaba o seu último cartucho cambiando de punta, con Anthony collendo o testemuño dun Josemi sen nada que facer constar na súa tarxeta de servizos. Un minuto despois da entrada das tres novas pezas no tapete de xogo da Lomba, que onte estreaba nova iluminación, Diego asinaba o primeiro remate do Viveiro no partido, cabeceando un centro á área que Manu Táboas atrapou en dous tempos, co balón tocando de segundas na cepa do pau esquerdo.
Final aberto
Dez minutos despois a perna dun defensa semellou desestabilizar a Anthony na área local, pero o árbitro non sinalou nada. O Viveiro foi a por todas e o nerviosismo comezou a medrar nas gradas do campo vilagarcián vendo que o Arousa pasaba máis tempo defendendo que buscando o 2-0. Pero ao cadro da Mariña faltáballe pegada. Un disparo de Fanega desde a media lúa no 86 co coiro marchando fóra por pouco foi o seu canto do cisne, permitíndolle á afección local gozar dun axustado triunfo e da estrea doutro xuvenil na Terceira, Fer.
FICHA DO PARTIDO:
AROUSA (1): Manu Táboas, Santi Figueroa (Iñaki Martínez, min 73), Cotilla, Pacheco, Brais Vidal, Carús, Brais Vidal, Javi Sandán, Julio Rey (Jorge Fajardo, min 81), Sylla (Hugo Losada, min 73) e Borja Míguez (Fer, min 89).
VIVEIRO CF (0): Casillas, Cristian (Yepes, min 46), Edgar (Iker, min 52), Nico, Diego, Júnior, Sané (Fanego, min 52), Sergio, Rolle (Juan, min 46), Barroso, e Josemi (Anthony, min 73).
GOLES: 1-0, min 30: Édgar (en propia meta).
ÁRBITRO: Alejandro Castro Alarcón (Colexio da Coruña). Amonestou os visitantes Rolle, Nico e Yepes.
O xuvenil de Perú ten na mañá do domingo en Zacande a ocasión de amarrar xa a permanencia
O Arousa de División de Honra Xuvenil xoga na mañá deste domingo, desde as 12, un partido capital. No campo de Zacande, Meis, nun recoñecemento da entidade arlequinada á colaboración que o club local lle presta cedéndolle o terreo de xogo para os adestramentos dos seus equipos de cabeceira, os pupilos de Perú reciben o CD Marina Sport tendo moi presente o gran premio en xogo. Porque de gañar, o Arousa pasará a sacarlle 10 puntos, 9 máis o do diferencial particular, ao conxunto que hoxe abre a zona de descenso con só outros 21 puntos máis por disputarse ata o final da Liga.
O adestrador do cadro vilagarcián tiña na véspera ben claro este dato. De aí que asumise o que lles toca hoxe: «Temos que facer un esforzo grande porque o que podemos conseguir gañando é moito».
Perú fala de esforzo grande porque esta é unha das xornadas máis complicadas de cantas ten afrontado o Arousa na temporada da súa estrea na máxima categoría do fútbol de formación español. Polo moito que se xoga un rival que, ademais, vén en liña ascendente, empatando en Abegondo co Dépor e derrotando o Lugo e o Compos nas cinco últimas xornadas. Polo feito de non poder apenas adestrar ao medirse o equipo o mércores nun amigable ao Real Madrid C en Valdebebas. E por cambiar de terreo de xogo, logo de facer do Municipal de Vilaxoán un feudo no que o Arousa se sinte moi cómodo.