Ángel Sánchez e Celia Castro, mellores deportistas de Cambados
Arousa
Gala do deporte de Cambados
A Gala do Deporte da vila do albariño recoñeceu a traxectoria de Ramón Somoza, «Ramoní»
19 Mar 2023. Actualizado a las 05:00 h.
O Auditorio da Xuventude quedou pequeno este sábado para acoller a toda a xente que quixo acompañar os nominados e aplaudir os premiados e demais persoas recoñecidas na terceira edición da Gala do Deporte de Cambados. Un evento organizado pola Concellería de Deportes da vila do albariño, co que se quere pór en valor o traballo de tantas persoas, deportistas, pero tamén adestradores, clubs e empresas que colaboran na visibilización do mellor da marca Cambados. A eles dedicaron as súas intervencións o edil do ramo, Fernando Patricio, e o alcalde, Samuel Lago.
Ángel Sánchez Rebollido, ciclista do equipo profesional continental luso Tavfer-Ovos Matinados-Mortágua, e Celia Castro Padín, mediofondista da Agrupación Atlética Mazí de Vilagarcía de Arousa, foron elixidos mellores deportistas locais do 2022 polo xurado integrado por xornalistas dos catro medios de comunicación que fan seguimento e cobertura do día a día do deporte cambadés. Ademais de gañar unha carreira, a Clássica de Mortágua, no 2022 Sánchez cubriu a metade da Volta a Portugal décimo na xeral, na que rematou finalmente no posto décimo terceiro. Castro, pola súa banda, conquistou no seu último ano cadete (sub 16) os dous títulos de campioa de España de 600 metros, en pista cuberta e ao aire libre.
Ramón Somoza, Ramoní, resultou outro dos nomes propios da Gala. O home-gol do que foi, nos anos 70 do pasado século, unha das mellores versións do Club Juventud Cambados, recibiu o premio á traxectoria deportiva.
Estes son os nomes dos gañadores dos restantes premios decididos polo xurado en base ao seu propio criterio e atendendo tamén ás propostas dos clubs locais: Uxía Rodríguez Fernández (Escola Ximnasia Burgas) e Hugo Cordal (Club Atletismo Cambados), mellores deportistas promesas; Araceli Bugallo (Compostela Esgrima) e Benito Iglesias (Cambados Tenis de Mesa), mellores deportistas veteranos; Blas Charlín (fútbol) e Mariel Oubiña Vázquez (XAV Cambados), mellores adestradores; Albariño Veteranos, mellor equipo dunha entidade; XAV Cambados, mellor club, Club Taekuondo Innae, mellor escola deportiva, Conservas de Cambados, mellor patrocinio e colaborador co deporte; e o LIII Gran Premio Albariño-Memorial Ernesto Falcón, mellor evento do ano.
Ademais, subiron ao escenario do Auditorio da Xuventude Carlos Vieites, de Arousa Si Radio, para recibir o recoñecemento ao labor informativo, e tres expresidentes do Club Juventud Cambados: Jesús González Crespo, José Prado Acha, Xepe, e Benito González Sanisidro, Millán, aos que o goberno local quixo agradecerlles o seu labor a prol do fútbol local con cadansúa mención especial.