Paula Suárez, campioa do Masterchess Centro Comercial Arousa
Arousa
Alejandro Cereijo, da E.X. Compostela, fíxose co título absoluto dun torneo con protagonismo local
05 Jul 2023. Actualizado a las 00:21 h.
A novena edición do Masterchess Centro Comercial Arousa resultou o pasado sábado un éxito de participación, con 180 xadrecistas competindo finalmente nunha proba con cinco categorías e puntuable para o Circuíto Galego de Promoción de Xadrez.
O xogador local da Escola Xadrez Compostela Alejandro Cereijo proclamouse campión do aberto absoluto logo de rematar imbatido as sete partidas do torneo, cedendo tan só unhas táboas. Luis Guerrero, do Universidade de Santiago e o local Adrián Jamardo foron segundo e terceiro, respectivamente, mentres que Paula Suárez, do organizador Club Xadrez Fontecarmoa, se facía coa coroa feminina tras rematar novena na xeral.
Tamén no open absoluto, Brais Moreira (E.X. Pontevedra) foi o mellor sub 16, Nerea Cereijo (E.X. Compostela) a mellor sub 18, e Antonio Susavila (C.A. Padrón) o mellor veterano.
Polo que respecta ás categorías base, en infantís o podio foi copado por xadrecistas do C.X. Fontecarmoa: Ricardo Oubiña, Aarón Gómez, Irene Diz e César Oubiña foron, por esta orde, primeiro, segundo, terceiro e cuarto.
Luis Rebolo, da Escola Luguesa, impúxose no cadro alevín, David Álvarez, do Lucena de Vigo, fíxoo na categoría sub 10 (benxamín) e Fernando Carregal, de Ames, foi o mellor xogador na categoría dos máis novos, a sub 8 (promesas).
Todos os participantes volveron ás súas casas con cadansúa medalla, ás que os cinco mellores de cada categoría sumaron un trofeo. Ademais, por xentileza dos establecementos do Centro Comercial Arousa, todos os xadrecistas participaron no sorteo de multitude de premios, entre os que salientaba un ano máis unha bicicleta e unha tableta. O Masterchess C.C. Arousa consolídase no calendario autonómico de categorías de formación.