La Voz de Galicia

Son xa case mil os deportistas anotados no Campionato de España de Kenpo en Vilagarcía

Arousa

O club local agarda unhas 2.500 persoas arredor da cita dos días 10 ao 12 de novembro

29 Oct 2023. Actualizado a las 05:00 h.

A falta inda de practicamente dúas semanas para o día, o Campionato de España de Seleccións Autonómicas de Kenpo conta xa con 917 deportistas anotados nunha cita que terá o recinto feiral de Fexdega por escenario os días 10, 11 e 12 de novembro. Así o dixo onte o presidente, adestrador e alma mater do Kenpo Vilagarcía, Mario Hermo, na presentación do evento, no que estivo acompañado polo alcalde da capital arousá, Alberto Varela, e mais polo concelleiro de Deportes, Carlos Coira.

Na comparecencia pública o club organizador e mais o Concello informaron de que serán media ducia os tatamis de competición dispostos en Fexdega máis outros tres para o quecemento dos competidores, con todas as categorías federadas, desde alevín ata máster, nas diferentes modalidades do kenpo (kata, con armas, defensa persoal, semikenpo e combate).

Mario Hermo calcula que entre os deportistas, adestradores, directivos, árbitros e familiares, Vilagarcía contará cuns 2.500 visitantes. Unha avalancha que levou ao cartel de completo entre os hoteis da contorna, con moita xente tirando de pisos turísticos pola falta de oferta.


Comentar