Unha cita coa arte de Miguelanxo Prado en Vilagarcía
Arousa
Curtas mantén no Centro Comercial Arousa unha exposición sobre «O pacto do letargo», o cómic máis recente do xenial creador coruñés
08 Nov 2023. Actualizado a las 05:00 h.
Aínda que alonxada dos seus espazos habituais, en torno á casa da cultura de Rey Daviña e o auditorio, o festival Curtas mantén unha mostra do máximo interese para os afeccionados á banda deseñada. Trátase dunha exposición de láminas asinadas por Miguelanxo Prado (A Coruña, 1958), que se corresponden co seu último traballo publicado no eido do cómic: O tríscele roubado.
Nesta obra, a primeira dunha serie, O pacto do letargo, aínda por desenvolver, o autor de Trazo de xiz e Ardalén articula unha intriga de clara vocación ecoloxista. Na súa andamiaxe, o creador coruñés emprega referencias mitolóxicas do país e, por máis que os diálogos remitan vagamente a unha rexión do norte peninsular, as paisaxes delatan con claridade que o escenario no que ten lugar a historia é Galicia.
Máis que destripar o relato, a exposición que acolle o Centro Comercial Arousa acrecenta as gañas de botarlle un ollo a esta primeira entrega de O pacto do letargo. Os debuxos son magníficos e a trama, a varios niveis, desborda retranca, unha severa censura á inconsciencia ecolóxica da especie dominante no planeta, e unha crítica aos ambientes académicos máis resesos.
«O pacto do letargo». A meirande parte das láminas amosan o traballo rematado, pero algunhas delas recollen un momento previo, o da bocetaxe, que afonda no proceso creativo de Miguelanxo Prado. A mostra poderá visitarse no Centro Comercial Arousa ata o 15 de novembro.