O Asmubal tira de orgullo para remontar e volver gañar media Liga despois (32-27)
Arousa
Tras 49 minutos por detrás no marcador, as de Juan Manuel Costas endosáronlle un parcial de 8-0 ao terceiro mellor equipo da Liga, o Balonmano Gijón
19 Mar 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Desde o 18 de novembro do 2023. Catro meses menos dous días facía que o Inelsa Solar Asmubal Meaño non gañaba un partido de Liga na División Honor Plata Femenina. Medio campionato e un partido despois, o conxunto que dirixe Juan Manuel Costas avivou a chama da esperanza na permanencia na terceira categoría española cun sorprendente e valiosísimo 32-27 sobre nada menos co Balonmano Gijón, terceiro mellor equipo do campionato se se atende á clasificación.
Ao fondo da vitoria súmase o plus da forma na que as pupilas de Costas se fixeron co triunfo. Nadando a contracorrente durante 49 minutos, para culminar o pasado sábado a súa brillante actuación defensiva anulando o ataque asturiano e endosándolle ao Gijón un parcial de 8-0 nos once últimos minutos do encontro.
O técnico do Asmubal apostou por alternar o seu habitual 6-0 cun 4-2 atrás. A aposta acabaría cortocircuitando a un rival que, como lle sucedera ao cadro meañés na súa visita a Gijón na primeira volta na figura de Sofía Arangio, perdeu durante o choque a unha primeira liña, Alba González, na que semella unha grave lesión articular.
As boas actuacións de Lorena Ligero na portería e de María Currás no extremo sobresaíron xunto aos goles cos que Laura Miniño e Micaela Lusarreta arrincaron o parcial definitivo para darlle ao Asmubal un triunfo vital. E é que, a falta xa tan só de tres xornadas para a conclusión da Liga, o pechacancelas, Siero, está a piques de recibir o agasallo dun Santa Cruz de Tenerife chamado a gañar en terras asturianas ata a súa incomparecencia. Dando por feito que a Federación lle concederá os dous puntos ao Siero, este empataría co Asmubal a 14, co Porriño B con 15 e só o Palencia Turismo por debaixo, con 13 puntos. O Camargo 74, oitavo clasificado con 18, agarda este sábado o Asmubal.