La Voz de Galicia

Unha tangana corta as opcións dos Ingleses de meterse na final da Liga

Arousa

Vilagarcía / La Voz

O equipo vilagarcián gañáballe ao Kaleido Universidade de Vigo dun punto antes do descanso, para acabar perdendo 50-15 tras a trifulca, xogando case toda a segunda parte con só trece efectivos

07 Apr 2024. Actualizado a las 08:46 h.

Dous puntos. Esa era a desvantaxe que debía remontar Os Ingleses RC na súa visita ao Universidade de Vigo para ser un dos dous finalistas do partido que decidirá o nome do campión da Liga de Primeira División Galega de rugbi masculino. E o conxunto vilagarcián deu mostras de, pese a presentarse ao partido de volta no CUVI co xusto, 18 efectivos, lastrado pola praga de lesións que o asola este curso, poder ter saído vitorioso da empresa. Unha tangana no inicio da segunda metade botou por terra todas as opcións arousás. O marcador final: 50-15.

O bo facer dos homes de David Lema, minimizando o manexo do balón do Universidade de Vigo, fixo que Os Ingleses chegara un arriba no marcador ao descanso. E iso, logo de ceder sete puntos no treito final por un exceso de golpes de castigo que lle custaron unha amarela e a conseguinte expulsión temporal de 10 minutos, aproveitada polo cadro olívico para asinar un ensaio e a posterior transformación.

O Universidade de Vigo seguiu espremendo a súa superioridade numérica toda a segunda metade. Con outro ensaio nos restantes minutos da expulsión temporal. E dominando a pracer logo de que o seu rival recibira dúas vermellas, a Piraña e a Hache. Unha placaxe con retardado sobre Piraña e o agarrón do seu marcador sobre este levou o vilagarcián a repoñerse, dando paso ao rifirrafe. Nas filas dos Ingleses non agochan o seu malestar pola decisión do colexiado de solucionar o episodio con dúas expulsión dun bando por ningunha do outro.

Con dous menos sobre o campo e tras perder a J.J. na última xogada da primeira parte por lesión, o equipo vilagarcián quedou sen folgos, o que aproveitou o Universidade de Vigo para ensanchar o marcador final.


Comentar