La Voz de Galicia

Lavado de cara e máis luz para a Praza da Verdura na súa primeira fase de mellora

Arousa

p. penedo vilagarcía / la voz

Os traballos contan cun presuposto de 169.466 euros e serán acometidos pola firma Revcom Energías Renovables

21 Jul 2024. Actualizado a las 05:00 h.

A Xunta de Goberno do Concello de Vilagarcía adxudicou esta semana os traballos da primeira fase da mellora e modernización da Praza da Verdura. Unha actuación cun investimento de 169.466 euros que acometerá a firma Revcom Energías Renovables con fondos europeos Next Generation no marco do proxecto de Mellora, Revitalización e Resiliencia dos Mercados Tradicionais e das Zonas Comerciais Urbanas do programa Vilagarcía Viva.

Redactado polo arquitecto Alberto Redondo, autor da reforma que deu paso á nova Biblioteca Municipal, a intervención, cuxo inicio está previsto nos vindeiros días, pretende potenciar a economía circular e fomentar a alimentación e hábitos saudables entre os clientes da Praza da Verdura. Con tal fin, abriránse novos ocos na fachada que permita a entrada de luz natural e pintaránse os paneis do teito da estrutura vista da cuberta a fin de gañar luminosidade. Con estes cambios buscaráse mellorar a visualización dos produtos da horta que se venden nas instalacións e optimizar as condicións da súa exposición.

Ademais, a primeira fase das obras na Praza da Verdura de Vilagarcía servirá para substituír a instalación de evacuación das augas pluviais da cuberta para evitar a entrada de auga no edificio, cambiando o aleiro exterior que bordea as fachadas. Estas últimas limparánse e pintaránse, cambiándose ademais as portas do edificio.


Comentar