A xuntanza de scooters clásicos do Grove homenaxeará a Javier Álvarez
Arousa
O Club LamVrespas, organizador do evento, confía en reunir o 6 de outubro unhas 250 motos das catro provincias galegas e mais de Portugal
12 Sep 2024. Actualizado a las 18:45 h.
O Scooter Club LamVrespas do Grove presentou este xoves, da man do Concello, a novena edición da súa Xuntanza Internacional LamVrespas-Festa do Marisco. Unha iniciativa coa que confían reunir, o 6 de outubro no primeiro domingo da gran celebración gastronómica da comarca do Salnés, uns 250 pilotos das catro provincias de Galicia e mais de Portugal cos seus respectivos scooters clásicos na localidade arousá.
Acompañado polo alcalde, José Cacabelos, o presidente do club meco, Javier Díaz Bastos, informou na casa consitorial do programa que comezará coa apertura da inscrición ás nove da mañá ás portas do consistorio. As motocicletas permanecerán aparcadas na praza do Corgo ata as once da mañá, ofrecendo unha estampa singular que sempre chama a atención de propios e de estraños, para partir a esa hora nunha ruta moto-turística polo Grove que rematará no punto de partida.
Ao seu regreso, os participantes gozarán dun pincho ofrecido pola organización, con sorteo posterior de agasallos e un recoñecemento aos clubs representados na cita.
O Scooter Club LamVrespas dedicarálle esta novena edición da xuntanza internacional a Javier Álvarez, quen fora parte fundamental do colectivo desde o seu inicio, falecido o pasado 10 de agosto mentres participaba no Gran Premio de La Bañeza. A súa lambretta protagoniza o cartel deste ano, elaborado pola ilustradora grovense Laura Meis.