O Asmubal Meaño inicia novo curso na División de Honor Plata Femenina
Arousa
Recupera a tres xogadoras clave e suma dúas fichaxes chamadas a ser diferenciais
18 Sep 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Este sábado, ás nove da noite (horario peninsular), o Inelsa Solar Asmubal Meaño abrirá o seu terceiro curso consecutivo na División de Honor Plata Femenina, a terceira categoría do balonmán femenino español, co primeiro dos catro desprazamentos ás illas Canarias que as modestas arcas do club deberán asumir nos vindeiros seis meses e medio. Diante, un vello coñecido, o Balonmano Santa Cruz de Tenerife, que repite entre os seus trece rivais na que será a quinta experiencia do club do Salnés en categoría nacional.
Logo de sufrir o non escrito para conseguir salvar a praza na DHPF na derradeira xornada da última temporada, a directiva e o corpo técnico, novamente encabezado polo adestrador de Mos Juan Manuel Costas, buscaron apuntalar o proxecto deportivo sobre a base de retoques cirúrxicos no cadro de xogadoras.
Nove son as balonmanistas que repiten no equipo, once se contamos os casos de canteranas promocionadas e de retornos. Unha aposta pola continuidade acentuada nos extremos, con María Currás, con Andrea Cores e con Paula Rey volvendo vestir unha campaña máis a camiseta verde do cadro meañés, e na primeira liña, onde seguen a capitana Laura Miniño, Agustina Ballada, Laura Sineiro, Eli Méndez e Sofía Arangio. Estas dúas últimas, recuperadas das graves lesións que sufrían a comezos da anterior Liga, golpes convertidos en dous dos principais lastres que afundiron en pouco tempo o Asmubal á zona de pelexa pola permanencia na que se moveu o resto do exercicio.
A pivote brasileira Cárol Ferreira completa a lista de renovacións, ás que se suman a volta tras un ano sabático de viaxe por Asia de Vanesa Domínguez, crucial na dupla con Cárol Ferreira no centro da defensa meañesa na consecución do subcampionato de Liga 2022/23; e mais a canterana Uxía Varela, que logo de traballar o ano anterior en dinámica de primeiro equipo, fíxose coa ficha de terceira porteira na que é a súa primeira temporada sénior.
No polo oposto, Juan Manuel Costas procedeu a toda unha revolución na cobertura do equipo baixo os tres paus. As saídas de dúas xogadoras da casa coma Lorena Ligero e Lucía Caneda por incompatibilidade laboral veu acompañado do descarte de Dolores Pulpi. Para suplilas e imprimirlle un salto de calidade a un dos postos máis vulnerables do equipo, máis aló de Uxía Varela, o adestrador do Asmubal fíxose cos servizos da porteira arxentina Guadalupe Larralde, que con 27 anos e procedente do San Adrián de Bilbao do Grupo B da DHP Femenina, é considerada por Costas «unha das mellores porteiras da categoría». Nadia Vázquez, de 22 anos, será a súa competidora pola titularidade, fichada do Xiria de Primeira Galega, de onde xa a tentara incorporar o adestrador do Asmubal un ano atrás vendo que a categoría autonómica se lle quedaba moi pequena.
Xunto a Guadalupe Larralde, Juan Manuel Costas confía en ter atopado en Danilza Liranzo unha segunda fichaxe con capacidade para converterse en diferencial, tanto no equipo coma na categoría. Dela di o técnico que «ten unha calidade alucinante», que dúas lesións lle impediron mostrar en toda a súa extensión. A última, afastándoa dos terreos de xogo toda a anterior temporada, na que pasou de xogar no Bolaños de División de Honor Oro Femenina a atopar no Asmubal Meaño un lugar no que facer a súa lenta recuperación, en cuxo treito final se atopa agora.
A extremo dereita Shaila Fernández e a pivote Luna Otero, as dúas séniores de primeiro ano procedentes do Rasoeiro xuvenil, completan a nómina de 16 xogadoras coas que o Asmubal comezará a temporada en espera de ver se Sabela Miniño, unha das mellores xogadoras a anterior campaña, decide dar marcha atrás durante os vindeiros meses á súa decisión de colgar temporalmente as botas.
Dous descensos, un máis
Cun equipo canario máis, catro en total, e a novidade dos tres madrileños da categoría, Balonmán Sanse, Getasur e Leganés —sae o Camargo cántabro—, o Asmubal atopa un Grupo A de catorce conxuntos no que non estarán os ascendidos a Ouro Puerto del Carmen nin Carballal, nin tampouco o descendido Siero, ademais dun Palencia que renunciou a continuar na categoría.
Con dous descensos ao final da Liga, un máis co curso pasado, o novo obxectivo do Asmubal, di o seu técnico, non é outro ca «non pasar os apuros do ano pasado, poder desfrutar, e se sae un ano bo, non levar unha paliza coma contra o Mislata».