La Voz de Galicia

O técnico que antepuxo os padexeiros á nómina

Arousa

Pablo Penedo Vilagarcía / La Voz

Fillo dun fundador e primeiro medallista do seu club, José Manuel Vázquez Navia, «Ruso», vén de vivir desde dentro os Xogos Olímpicos como integrante do corpo de auxiliares técnicos da selección española de sprint. Un labor que desenvolveu á par da dirección deportiva do Club Náutico O Muíño, na que encadea xa vinte anos

30 Sep 2024. Actualizado a las 09:07 h.

Descenso do Lérez de 1996. José Manuel Vázquez Navia, Ruso (Ribadumia, 1980), subíase ao podio do K1 Cadete. Un ilusionante paso para un rapaz que acababa de chegar ao mundo do piragüismo, un gran salto para un club, o Náutico O Muíño de Ribadumia, que tan só un ano antes volvía á vida tras unha década de parón, logo de ter sido en 1969 unha das entidades pioneiras na provincia no deporte da pa. Rafael Louzán, o hoxe presidente da Real Federación Galega de Fútbol, e José Manuel Vázquez Núñez, cofundador do club nas súas dúas etapas e pai do noso protagonista, estaban detrás da refundación de 1995. Trinta anos despois, con dúas décadas ao lombo á fronte da dirección deportiva do Muíño, o Ruso tense gañado a pulso un oco entre os nomes propios de tantos traballadores anónimos que coa súa paixón e esforzo silente abonaron o camiño para converter o piragüismo na maior fonte de alegrías mundiais e olímpicas do deporte galego e español. 

Puido ter sido José Manuel Vázquez un porteiro de fútbol. De feito, José Manuel Vázquez foi gardamallas. E di, e repite, que «malo non era». Forxado na canteira do CD Ribadumia, compaxinou durante dez anos o piragüismo con diferentes clubs de Segunda e de Terceira Rexional antes de colgar as manoplas tras ter deixado boa mostra nos campos do fútbol modesto do seu carácter forte: «Eu era dos que mandan na área e organizan». Un pasado que non deixou de conxugar en presente no Náutico O Muíño.

Consciente de que non levaba dentro un campión, o Ruso comezou a axudar con 20 anos na parcela técnica ao primeiro adestrador do club piragüista, Isidoro Noya. E cando este tivo que deixalo por razóns familiares, con 25 anos non lle quedou outra que asumir a súa dirección deportiva.

Co seu pai xa presidente, sería fácil para máis dun desinformado caer na tentación de abrazar a teoría do dedazo. Basta pasearse por practicamente calquera equipo de piragüismo para recoñecer o relato que conta José Manuel Vázquez júnior: «As circunstancias do club leváronme á dirección deportiva. Era —e é— un club amateur. Eu nunca cobrei como profesional do club. Axudas e dietas si recibín, pero non unha nómina por dedicarme en exclusiva». Con títulos de FP en Artes Gráficas e Electrónica Industrial, «fixen de todo» para levar un soldo á casa, di. Desde traballos relacionados cos seus estudos, empregos en fábricas e estradas, ata labores de fotógrafo de prensa, pasando mesmo unha temporada en Xixón.

«No club sempre antepuxen ter os mellores medios e atención para os padexeiros a ter unha nómina para min», declara o de Ribadumia, que confesa ter gastado moitos cartos, sen dar cifras, para acompañar a deportistas do Muíño a campionatos internacionais tras gañarse a correspondente praza na selección española. Unha dedicación que atribúe ao «amor á arte», para negar a continuación mérito ningún. «Imaxino que será igual en case todos os clubs», comenta á hora de referirse a quenes fan o seu mesmo labor: «Se non estás ti, non o leva ninguén, cada vez hai menos relevos».

 

Traballando con campións

Nestes 20 anos que leva vivindo por e para o piragüismo como director deportivo do Muíño, só en dous José Manuel Vázquez Navia pode dicir que tamén viviu del, contratado pola Real Federación Española de Piragüismo. No 2010, cando foi responsable do equipo nacional de canoa sub 23, con xente da talla de Tono Campos, hoxe o padexeiro español con máis medallas internacionais da historia grazas á súa excepcional carreira na modalidade de maratón, ou o balear Sete Benavides, que dous anos despois se colgaría o bronce nos Xogos Olímpicos de Londres no C1 200. E neste 2024, como axudante de Melo Costa, responsable do grupo nacional de canoa, como o do 2010, con base no Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Un grupo este que pechou a temporada con dez medallas entre Europeos e Mundiais sub 23 e absolutos, que viu o mes pasado o pontevedrés Pablo Crespo competir nos Xogos Olímpicos e que contou ata o 2023 con Diego Domínguez, bronce no C2 500 de París.

Alí estivo Vázquez. Non de afeccionado, senón como un dos axudantes do corpo técnico da selección española de sprint. «Vas cunha ilusión enorme. Sempre vira os Xogos pola tele». O seu labor, sinala, era «botar unha man no que fixera falta», desde chofer a transportista das embarcacións, ata atender a Naira, a filla de Teri Portela e de David Mascato, fisioterapeuta da selección, cando os dous estaban ocupados. Unhas tres horas de traballo que lle permitían «vivir a competición na grada con 25.000 persoas» ou, o derradeiro día, sacarse fotos con estrelas da delegación olímpica española, como a bimedallista e marchadora María Pérez. «Foi unha experiencia que oxalá poida repetir. Un premio a tantos anos», manifesta.

Pero o maior premio que atesoura o Ruso gárdao na súa segunda casa, a sede do Náutico O Muíño aos pés do río Umia. Unha instalación completada no 2009 co esforzo dos directivos do club e coa explosión deportiva dos seus padexeiros, axudada polo ouro olímpico en Pekín 2008 do cangués Carlos Pérez, Perucho, naquel momento deportista da entidade arousá «por amizade». O tirón do conseguido por Perucho e a media ducia de metais europeos e mundiais entre o 2008 e o 2009 de Paulino Otero e de David Maquieira, primeiros medallistas internacionais formados no club, supuxo «un antes e un despois», apunta Vázquez. Porque dende entón, «todos os anos tivemos a lo menos un deportista competindo coa selección española». O último, Manuel Fontán, internacional desde cadete de primeiro ano, con máis dunha decena de medallas europeas e mundiais; as cinco últimas, este mesmo ano, no que estivo na pelexa por acudir ós Xogos de París. 

Un orgullo que redondea a organización, desde o mesmo ano da refundación do club, da Baixada do Umia, e, sobre todo, unha canteira con 160 rapaces que gañou máis da metade das edicións da Liga Provincial de categorías inferiores, codeándose sempre polo podio. E iso, salienta o Ruso, a base de enganchar os rapaces todo o ano, descubríndolles o piragüismo primeiro e ante todo como un xogo. O resto, xa virá se ten que vir.


Comentar