O Arousa xuvenil recibe a un Celta que vén de golear 7-0
Arousa
O partido dispútase no Manuel Jiménez, desde as catro da tarde
12 Oct 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Xunto coa visita do Dépor o mes pasado, o partido máis atractivo de cantos vai xogar o Arousa esta temporada na División de Honor Juvenil. O cadro que dirixe Perú recibe esta tarde (16 horas, Manuel Jiménez) a un Celta de Vigo que chega segundo na clasificación logo de gañar catro dos seus seis partidos e empatar os dous restantes, cun total de 14 puntos, só 2 menos co seu eterno rival herculino. Números multiplicados pola goleada de escándalo que, a semana pasada, o cadro olívico lle endosaba a un rival da zona media da táboa, o Gimnástica: 7-0.
Coas barbas do veciño vendo remollar, o Arousa ten a lección ben aprendida do que tentar facer para evitar acabar como o anterior adversario do Celta. «Seguramente nos vaia someter. Temos que afastar o máximo posible a súa posesión do balón da nosa portería e tratar de defendelos o máis arriba posible e que non recuperen rápido», sinalaba na véspera Perú. Do contrario, «imos botar moito tempo afundidos» nas inmediacións da área propia do Arousa, conclúe.
O técnico local debe encarar o esixente duelo co Celta sen os mancados Seijo e David Piñeiro nin o sancionado Jacobo.