O Asmubal Meaño pode ata coas baixas para manter o pleno en Valladolid (31-33)
Arousa
Danilza Liranzo supliu con acerto a Eli Méndez como brúxula do equipo
05 Nov 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Seis de seis. O Inelsa Solar Asmubal Meaño non as tiña todas consigo na súa visita a un Hand Vall Valladolid que ocupa posto na zona nobre da clasificación do Grupo A da División de Honor Plata Femenina. Pero inda sen Cárol Ferreira, cunha rotura de fibras, nin Eli Méndez, cun partido de sanción, e con Vanesa Domínguez, parella de Cárol no centro da 6-0 meañesa, moi tocada por unha escordadura de nocello, o cadro galego foi quen de saír airoso e manter, cun axustado 31-33, o seu pleno de vitorias na presente Liga. Unha tarxeta que só é quen de igualar o Balonmano Gijón, segundo na táboa.
Por primeira vez no que vai de campionato o Inelsa Solar soubo o que era tocar sufrir. Na primeira parte, mesmo vendo como o seu 3-5 de saída viraba nun 10-7 no minuto dez. As baixas de dous dos seus puntais facíanse visibles nos desaxustes que lle deron pé ao Hand Vall a armar varios contragolpes finalizados en goles fáciles.
Con todo, o Asmubal, ben dirixido por Danilza Liranzo, chegou ao descanso por diante, 18-19, e a na segunda metade semellou poder rachar o partido, con varias accións para dispararse ata os cinco tantos de vantaxe. Pola contra, tocou pelexar ata o final, con Vanesa Domínguez redondeando o seu inusual rol de goleadora cun quinto gol a dez segundos do final que subía o 31-33.
FICHA DO PARTIDO:
HAND VALL VALLADOLID (31): Guayo, Silvia Pérez (4), Sara Fernández (1), Taboada (6), Jana Cuesta (4), Sofía Pérez (2) e Luelmo (4) —septeto titular—; Burgos, Sara García (3), Vaquero, Muñiz, Díez, Rodríguez, María García (7), López e Raquel García.
INELSA SOLAR ASMUBAL MEAÑO (33): Larralde, Paula Rey (2), Agustina Ballada (7), Danilza Liranzo (3), Laura Miniño (5), Currás e Vanesa Domínguez (5) —septeto titular—; Nadia, Sineiro, Sofía Arangio (7), Uxía, Cores, Luna Otero e Shaila Fernández (4).
MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 3-5, 10-7, 12-13, 14-15, 17-17, 18-19 (descanso); 20-24, 23-26, 25-28, 26-30, 29-32 e 31-33.
ÁRBITROS: Javier Jiménez e Álvaro Sierra. Decretaron cinco exclusións ao Hand Vall por catro ao Inelsa Solar.