La Voz de Galicia

De que nos asustan con ouveos

Arousa

Avelino Ochoa Redacción / La Voz

A visión dunha España cristián foi tanta trola como que existise España Unha, Grande e Libre e, aínda hoxe, a cousa está como está

22 Dec 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Non se sabe moi ben que é enganar. Aumenta a confusión se acudimos á etimoloxía da palabra. O Corominas dinos que procede da onomatopea gannire, que viña sendo ladrar ou ouvear. Do que quero escribir é de que a min e ás xeracións anteriores e posteriores nos enganaron, e uns terán capacidade crítica para fuxir das falsidades e a outros nin lles importarán. Explícome: cando empecei na escola, o mestre mandou deseguido que me comprasen as chamadas Enciclopedias Álvarez nas que a Historia e a Formación do Espírito Nacional eran trola, sen rubor ningún, propaganda falsa xa desde a infancia. Como consecuencia, ata hoxe mesmo seguemos a crer naqueles embustes. Refírome, en particular, aos ditirambos de Franco, presentado como ser sobrenatural, que viñera salvarnos en todos os aspectos —económicos, políticos, relixiosos— cando, sen profundar, foi, por dicilo con brevidade, un criminal que utilizou todo o aparato estatal para matar e ter anoada á sociedade e ao país pobre en todos os sentidos; unha situación que coñecemos de sobra e, en fin, co demais que se vai sabendo desa cruel ditadura que o pobo español soportou ferroada sen revolverse moito. Tamén, aínda chantados na cabeza da xente, entre tantos enganos está a cuestión da propia idea de España, coa pexa da Monarquía reinventada desde 1969 e imposta na Constitución de 1978. Que se nos propuxese a Monarquía, per saltum, de imposible remoción actual, foi unha broma macabra que só se entende se do que se trataba era de evitar que se desmantelasen os poderes reais desa etapa: a fin de contas representa a continuidade do Estado. A visión dunha España cristián foi tanta trola como que existise España Unha, Grande e Libre e, aínda hoxe, a cousa está como está. O que agora se chama España historicamente non foi unha monarquía, nin un imperio, nin cousa que se lle pareza —estaría ben que neste Nadal comprasen o libro de Francisco Calo Lourido, que leva o largo título de A Historia de España baseouse en falacias. Nin reconquista, nin Imperio, nin Estado ata o XVIII, nin nación ata o XIX—. O que houbo na Península Ibérica, particularmente despois dos romanos, foron monarquías independentes, inimigas entre si cada pouco, cos diversos territorios como propiedades de cadanseu rei que agregaba, transmitía e distribuía como lle daba a gana xeralmente por testamento. A cristiandade tampouco foi algo común, nin caracterizaba aos aliados porque hai múltiples exemplos de guerras entre cristiáns, entre musulmáns e, segundo fose convinte, axudados por uns ou por outros. Por exemplo temos a figura de Carlos I, que disque naciu nun retrete holandés e finou de paludismo en Yuste, que nos aparecía como o fundador dun imperio español que nunca existiu. Tal monarca falou francés toda a vida; nos tempos en que asentou a súa Corte en territorio español rodeouse de franceses e alemáns, impuxo protocolos do ducado de Borgoñoa e nos seus escritos sinalaba a Borgoñoa como a súa patria, incluso cando xa era francesa. Foi, por casualidade sucesoria —os reinos eran propiedades e ata arrendou Venezuela a uns alemáns—, herdeiro de diversos reinos, despois repartidos por el entre o seu irmán, a súa filla María, e o seu fillo Felipe —o nome Felipe, como o do rei actual, tomado do seu avó, era francés, estranxeiro, como un Jonathan de hoxe, e o Duque de Alba a viva voz no bautizo, pediu que se lle puxese Fernando—. Como nos recorda Calo Lourido, cando por aquí dicimos que Flandes era español, nos Países Baixos dálles a risa porque eles consideran que foi España a que lles pertenceu. Non houbo idea de España ata hai ben pouco, non houbo imperio, non houbo reconquista. Nada de nada: o que nos contaron, que aínda temos metido na cabeza, era pura mentira, cousas de herdanzas. Todo isto axúdame a entender a etimoloxía de enganar. Matino en que máis que un engano foi que andabamos asustados cos ladridos, falsos, e, atemorizados, ocupabámonos de non pasar fame e aquilo dun destino en lo universal, era como se oiramos chover. A cuestión é que seguen os ouveos.


Comentar