A Deputación investirá 1,3 millóns de euros na mellora da estrada que une Barrantes e Xil
Arousa
As obras afectarán a un tramo de 5,5 quilómetros e teñen un prazo de execución de seis meses
08 Jan 2025. Actualizado a las 15:29 h.
A Deputación de Pontevedra investirá 1,3 millóns de euros na mellora da seguridade viaria da estrada provincial EP-9302, que une os concellos de Ribadumia e Meaño. O proxecto —que foi presentado hoxe polo presidente provincial, Luis López, acompañado polos alcaldes de Ribadumia, David Castro, e de Meaño, Carlos Vieitez— afectará a un treito de 5,5 quilómetros desta estrada que une as localidades de Xil, As Covas e Barrantes.
A obra ten un prazo de execución de seis meses e consistirá na reposición do firme entre os puntos quilométricos 0+000 e 5+757 e a mellora dos sistemas de drenaxe de augas pluviais e sinalización vertical e horizontal. «A esta meta so é posible chegar grazas a colaboración con alcaldes como David Castro e Carlos Viéitez, que formulan os proxectos que os veciños lles trasladan. Teñen a capacidade de escoitar, entender e logo trasladarllo a administración, neste caso a Deputación, que estamos aquí para poder atender», sinalou o titular do goberno provincial.
«Pechamos o ano cunha axenda repleta de remate de obras, presentación de proxectos ou sinatura de convenios cos concellos en materia viaria e iniciamos o 2025 do mesmo xeito. O compromiso da Deputación coa modernización das estradas, coa cooperación cos concellos e coa mellora dos servizos para a veciñanza non entende de calendarios e é unha constante», concluíu o López.