Catrocentos mozos de Vilagarcía teñen unha cita co seu futuro este venres co programa «(In)fórmate»
Arousa

O encontro terá lugar no auditorio municipal e ten como obxectivo orientar aos mozos á hora de escoller unha profesión. La Voz de Galicia terá stand propio
15 Feb 2025. Actualizado a las 14:17 h.
Os estudantes da ESO de Vilagarcía teñen una importante cita o vindeiro venres 21. O auditorio municipal de Vilagarcía acollerá unha nova edición do Programa de Formación e Orientación Laboral (In)fórmate que organiza a concellería de Xuventude co obxectivo de facilitarlle aos mozos a elección sobre a súa traxectoria profesional ao rematar a ESO. Nesta edición participarán uns 400 alumnos do IES O Carril, IES Cotarelo Valledor, CIFP Fontecarmoa, CPR Sagrada Familia e CPR San Francisco.
A xornada comezará as 10 horas co primeiro roteiro polos stands informativos, onde as entidades académicas presentarán a súa oferta formativa. Nesta edición estarán presentes as universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña, ademais da Subdirección Xeral de Innovación Profesional e Coordinación co Sistema Produtivo (Xunta de Galicia), a Escola Oficial de Idiomas, o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), CIFP Carlos Oroza (Pontevedra), Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, Aeroflota do Noroeste, Universidade Intercontinental de Empresa, Universidade Europea de Madrid, Centro Universitario de Tecnoloxía e Arte Dixital, Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación e o CIFP A Granxa de Ponteareas.
Ás 11 terá lugar o relatorio-coloquio virtual con diferentes profesionais: a produtora musical e docente vilagarcián Vicky Longa, que está ao fronte da academia musical Longa Music Lab; David Fernández, xornalista e director da Fundación Araguaney, unha entidade cultural sen ánimo de lucro e afincada en Santiago, e Adrián Seijas, investigador en medicina rexenerativa no laboratorio do MERLN Institute de Maastricht.
Presencialmente participarán Maruxa Álvarez, profesora e investigadora da UVigo nas Facultades de Ciencias de Ourense e na de Bioloxía da cidade olívica; tamén é a directora da área de emprego e emprendemento desa universidade. A continuación, intervirá Óscar Iglesia, técnico en Marketing e Xestión de Vendas-Adxunto á Xerencia Automoción La Junquera. Pecharán a quenda Alexandre Paz, CEO de PSB Technologies, e Sara Carreira, xornalista, coordinadora de «La Voz de la Escuela» e creadora da Guía de Estudos Superiores de Galicia. La Voz de Galicia terá tamén un stand no que presentará a Guía de Estudos Superiores 2025-2026.
Arredos das 12 horas, os alumnos poderán visitar a zona expositiva ou de workshops. Neste espazo poderán probar experimentos e outros proxectos que se están elaborando en Galicia. Así, por exemplo, o CIMUS (Centro Singular de Investigacións en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC) presentará un obradoiro sobre metabolismo e contará cunha cámara termográfica que mide a temperatura do corpo. Outro exemplo é o taller que desenvolverá a Uvigo, no que traballarán cun microscopio óptico.