La Voz de Galicia

O goberno local da Illa aproba os orzamentos en ausencia do PP

Arousa

P.P.V. Vilagarcía / La Voz
Manuel Otero, á dereita, xunto co portavoz do BNG, Manuel Suárez, no pleno deste venres

Toma posesión o novo concelleiro do BNG Manuel Otero Outeiral

15 Mar 2025. Actualizado a las 12:03 h.

A Corporación da Illa celebrou onte o chamado a ser o pleno máis importante do ano, o destinado ao debate e aprobación dos orzamentos municipais do presente exercicio, 2025. Tal e como se esperaba, as contas presentadas polo goberno local, que ascenden a 4,6 millóns de euros, aos que hai sumar case medio millón de fondos da Deputación, foron apoiadas polos únicos seis votos dos grupos que sustentan o executivo arousán, o do PSdeG-PSOE e o do BNG. Co que non se contaba era coa ausencia dos cinco concelleiros do PP. O concelleiro de Economía e Facenda, Manuel Suárez, destaca que con este orzamento báixase a débeda municipal e acádase o obxectivo de estabilidade orzamentaria.

A formación conservadora empregou as súas contas en redes sociais para trasladar o seu malestar co goberno, acusándoo de ter dado dúas versións para xustificar o cambio da data inicial do pleno, o pasado día 7, pola do día de onte. Primeiro, sinalando que a pasada era semana de Entroido, e máis adiante, «que non lles daba tempo —pasaron 2 meses dende o pleno anterior— a preparar a documentación para o pleno o día 7», sinalan desde o PP. En ambos os dous casos, engade, «respondemos que o día 14 era imposible para algúns de nós —os concelleiros populares— asistir, xa que todos nos organizaramos laboral e familiarmente para o pleno o día 7».

Deste xeito, non foi posible comprobar se o alcalde, Luis Arosa, materializaba a súa intención de mover o voceiro popular, Matías Cañón de lugar no pleno separándoo do resto de concelleiros do PP por continuar formando parte do grupo mixto. Si se procedeu á toma de posesión de Manuel Otero Outeiral coma novo edil do BNG, en substitución de Laura Castro.


Comentar