La Voz de Galicia

Programación especial na biblioteca Rosalía de Castro para celebrar o Día do Libro

Arousa

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, na entrega dos premios aos mellores lectores do ano pasadoO alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, na entrega dos premios aos mellores lectores do ano pasado

Un obradoiro familiar a cargo de Lorena Pinheiro e a maxia de Charly Brown farán as delicias dos lectores máis pequenos

19 Apr 2025. Actualizado a las 13:15 h.

Como vén sendo habitual, a Biblioteca Rosalía de Castro de Vilagarcía desenvolverá unha programación especial para celebrar o Día do Libro. O 23 de abril, a partir das seis da tarde, a sala infantil acollerá un obradoiro de carácter familiar: «Cucú tapa o cú», orixinal de Lorena Pinheiro. Trátase dun taller cheo de xogos e enredos sobre o patrimonio cultural inmaterial de Galicia: contos, trabalinguas, adiviñas... O espectáculo está recomendado para rapazada de 3 a 6 anos. Hai quince prazas dispoñibles e é preciso facer inscrición previa. Dous días despois, ás cinco e media, chega á biblioteca a nova proposta do ilusionista Charly Brown, que se titula «Tola academia de maxia». Como no caso anterior, a entrada é de balde, pero desta volta ata completar aforo e sen necesidade de reserva previa. O público ao que se destina é de catro anos en adiante. O mago Charly Brown promete facer rir, ilusionar e pasar un rato «moi tolo, cheo de bo humor e bo ambiente, en familia».

Ámbolos dous espectáculos teñen unha duración duns cincuenta minutos.


Comentar