Adriana Cores, de Lontreira: «Somos uns privilexiados. Non coñezo a ninguén que empezara así»
A Illa de Arousa
O grupo, gañador do concurso da canción de verán da CRTVG, debuta este venres no auditorio da Illa apadriñado por Uxía, Carlos Blanco e Inés Salvado
30 Dec 2022. Actualizado a las 12:58 h.
Á abrumadora nómina de artistas que xa poboan o territorio da Arousa vense a engadir un novo: Adriana Cores, cantante, bailarina e letrista de Lontreira. Nacida na Illa, no 2000, conta Adriana que cantar, sempre quixo cantar. «De nena imaxinábame en escenarios e así. Pero ao tempo era consciente de que iso ía quedar nun soño polas miñas inseguridades e porque non tiña os recursos como para poder dar ese paso». Ata que foi a estudar Linguas Estranxeiras a Vigo. Alí coñeceu a Héctor Rodríguez. «Ensineille algúns vídeos que subira a Instagram cantando e empezamos a traballar xuntos». Naceu entón Lontreira, o proxecto musical e poético que este venres se estrea no auditorio da Illa, nun concerto que servirá tamén de presentación de «Apnea», o seu primeiro disco, que se publica o 3 de xaneiro. Un dos seus temas, «Corazón de toxo», foi escollido como «canción do verán» pola CRTVG.
—Por onde vai o disco? Porque as dúas cancións que coñecemos son mois distintas. «Corazón de toxo» é unha cumbia e «A fonte» móvese nesa fusión de electrónica e música tradicional.
—Musicalmente hai varios estilos. Hai eses que dis pero tamén hai ata unha bachata.
—Para situarnos, cales serían algunhas das vosas referencias?
—O que máis nos inspirou nesta mestura de electrónica e tradi foi Baiuca. Pero pode haber outras referencias como Nathy Peluso, Little Big, Architecs, Meshuggah...
—E «Apnea» un disco conceptual?
—Si, o disco conta unha historia sobre alguén que atravesa problemas comúns da vida, pero relacionando elementos naturais que vai vendo no seu camiño. E ao final todo resulta ser un soño, que é o que explica a última canción e o último poema.
—É certo, o disco combina cancións e poemas. Por que?
—Os poemas son interludios entre as cancións para narrar un pouco máis claramente o que lle está a pasar a esa personaxe en cada momento e interrelacionar unha cousas con outras.
—De quen son?
—Tanto os poemas como as letras son miñas. Nos concertos, normalmente, os poemas representareinos eu, pero para este da Illa temos como convidadas a Inés Salvado, de De Vacas, a Uxía e máis a Carlos Blanco, así que esta vez encargaranse eles.
—Dende logo, debutades moi ben apadriñados.
—A verdade é que si. Porque además temos como técnico de luces a Daniel Juncal, que é dos mellores de Galicia, e do son encárgase Eski, que é o técnico de Baiuca e máis de Tanxugueiras. Temos un nivelón. Sentímonos uns privilexiados. Non coñezo a ninguén que empezase así.
—Que formación levades en directo?
—Héctor aos teclados e ás programacións, Iván Barral á guitarra e eu cantando e bailando.
—Cales os obxectivos de Lontreira de cara ao 2023?
—Eu creo que podemos encaixar moi ben en festivais. Xa temos algúnhas datas en festis importantes que aínda non se poden dicir porque non están anunciados. A verdade é que empezamos forte.
—Se Lontreira funciona, estarías disposta a vivir da música?
—Eu o que quero ter ao mes é con que pagar a miña comida. Se podo conseguilo coa música, por suposto que si.
—Ata que punto A Illa forma parte de este proxecto?
—Cando estabamos escollendo nome collín un mapa da Illa e púxenme a ver nomes de praias. Hai unha que se chama Lontreira, porque suponse que alí había moitas lontras, e gustoume. A maiores, A Illa está presente na descripcións dos espazos naturais, na fauna... E que é un disco moi sensorial. Hai moitas descricións de olores, de sons, de cores, do clima... A natureza está está moi presente e eu crieime na Illa, así que...