Doce carrozas anotaronse xa para o desfile da Illa
A Illa de Arousa
O Concello confía en recuperar o espledor das festas de antes da pandemia
16 Feb 2023. Actualizado a las 13:52 h.
Doce carrozas formalizaron xa a súa inscrición para participar no entroido da Illa, unha festa que arrancará o venres 17 de febreiro co día das Comadres e que continuará ata o 26 de febreiro, domingo de Piñata. En canto ás comparsas, só se anotaron dúas aínda que teñen de prazo ata o día 23 para optar ao material que cede gratuitamente o Concello. Aínda que o cartel dos festexos recolle seis días de festa, o goberno local anuncia que en realidade serán dez as xornadas nas que o entroido tomará os recunchos da localidade.
Da organización das actividades programadas encárgase a asociación Dorna co respaldo do Concello. «O entroido da Illa está disposto a recuperar este ano o nivel de participación anterior á pandemia e non escatima recursos liberando unha partida de case 12.000 euros para que garantir o éxito dos festexos», informan desde o Concello. Á colaboración económica con Dorna (5.700 euros), súmanse os máis de 3.000 euros en materiais e cartóns que o Concello facilita aos grupos participantes máis os 2.000 euros en premios para as comparsas. «Despois de todo o que pasamos coa covid a xente ten moitas gañas de diversión e o entroido é o momento axeitado; confiamos en que se faga de xeito responsable e respectuoso co medio e co patrimonio de todos», indican desde o grupo de goberno.
Os premios en metálico desta edición inclúen a obriga de participar en polo menos dous actos para poder percibilos e un deles ten que ser o desfile do domingo 19 de febreiro. Así, establécense 400 euros para os grupos locais; 300 para as comparsas que leven 4 anos participando na programación arousá e 150 para as novas comparsas.