La Voz de Galicia

Cinco regatas na Copa Mörling para reivindicar a navegación nas dornas

A Illa de Arousa

a illa / la voz

O campionato arrincará o 15 de xuño en Portonovo e rematará o 31 de agosto

02 Jun 2024. Actualizado a las 05:00 h.

A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) organiza por terceiro ano consecutivo a Copa Mörling de dornas a vela, unha proba que naceu como mostra de agradecemento á labor realizada en prol da salvagarda das embarcacións tradicionais galegas polo etnólogo e antropólogo sueco Staffan Mörling. O circuíto desta edición estará formado por cinco regatas. A copa arrancará en Portonovo o 15 de xuño e finalizará, o 31 de agosto, na Illa de Arousa. Co obxectivo de promover e estimular a participación neste tipo de eventos, Culturmar conseguiu en 2022 unificar catro regatas de dornas a vela que xa existían en Galicia (Portonovo, Cambados, O Grove e A Illa de Arousa) e engadiu unha nova, a de Combarro, para crear a Copa Mörling.

 

Animar á xente nova

O presidente de Culturmar, Xosé Luis Sacau, asegurou que chegar á terceira edición deste campionato demostra que se trata dunha competición «en vías da plena consolidación» e que axuda a manter viva a cultura das dornas. Por riba do espírito competitivo da copa, «que pode animar á xente máis nova a participar», está o feito de que «poidamos ver nas rías trinta ou corenta dornas navegando e gocemos da súa plasticidade e elegancia no mar», afirmou.

Héctor Suárez, presidente da Escola de Navegación Tradicional Dorna da Illa, lembrou que o compromiso da recuperación das dornas comezou hai 40 coa primeira edición da Volta á Arousa. «Corenta anos levamos facendo cousas para que esta tradición non desapareza e a cultura das dornas siga viva», explicou. Engadiu que se trata de embarcacións típicas «e non debemos permitir que se perda a súa forma de navegar. Catro décadas despois, na Illa temos unha frota importante de dornas e patróns comprometidos», lembrou.

Por parte do Concello da Illa, estiveron na presentación o alcalde, Luis Arosa, e a concelleira de Educación e Mar, Elena Otero, quen quixo poñer en valor o tempo que os colectivos como Dorna dedican á conservación da tradición mariñeira. A edil incidiu na necesidade de transmitir ás novas xeracións esta tradición. «Deben saber que existe outro tipo de deporte. Que do mar, vívese, pero que tamén se goza», engadiu. O rexidor arousán, pola súa banda, falou da navegación en dorna como «unha maneira de desconexión» e reiterou o apoio do Concello á este tipo de actividades.

A Copa Mörling terá un sistema de puntuación deseñado para estimular a participación das dornas. Ao final desta competición, haberá un trofeo para as embarcacións que queden nas tres primeiras posicións no cómputo xeral. Ao finalizar cada regata, haberá unha xornada de convivencia entre as persoas participantes


Comentar