A Festa do Deporte da Illa arrinca coa primeira edición da súa gala e finalizará coa recuperación do Carreirón 10K
A Illa de Arousa
A Fundación ofrecerá a vindeira semana un amplo programa de iniciación a diversas disciplinas da man dos clubs locais
24 Aug 2024. Actualizado a las 05:00 h.
A Illa de Arousa inicia esta tarde as oito xornadas de programación da décimo sexta edición da súa Festa do Deporte. Un programa destinado a ofrecerlles aos seus veciños a oportunidade de achegarse ás diferentes disciplinas deportivas promovidas e practicadas polos clubs locais, buscando de paso que máis illenses se animen a sumarse a eles.
Hoxe, ás 20 horas no Auditorio Municipal, a primeira edición da Gala do Deporte servirá de prólogo ao que virá a vindeira semana. Coa nova celebración, explica a responsable da Fundación de Deportes da Illa, Paula Dios, quéreselle dar maior visibilidade ao recoñecemento que cada ano se lles viña dando xa a unha persoa ou entidade polo seu labor a prol do deporte local e á mellor promesa do municipio a temporada anterior. Dous recoñecementos que se manteñen, e aos que agora se lles suma cadansúa mencións aos equipos illenses que no anterior exercicio conseguiran ascender de categoría ou algún título.
Mañá domingo comezarán as actividades propiamente deportivas. Desde as 10.30, na Praza do Concello, o C.X. Dorna organiza un torneo de iniciación ao xadrez entre os 95 inscritos na actividade. Ao día seguinte, o luns, o Céltiga ofrecerálles xogos e partidiños aos 32 apuntados na súa actividade, no campo da Bouza desde as 19 horas. O martes, o Club Ximnasia Rítmica Arousa fará, desde as 9.30 horas no pavillón do colexio Torre-Illa, a primeira das súas dúas xornadas de portas abertas —a segunda queda para o xoves, á mesma hora e lugar—, cunha vintena de interesados inscritos en cada quenda. Tamén o martes, o C.B. Dorna montará un torneo de baloncesto 3x3 e xogos para os 70 rexistrados na súa actividade, no pavillón do Torre-Illa desde as 19 horas. Vinte nove son os apuntados á clase de iniciación do Club Piragüismo Illa de Arousa o mércores, na praia da Canteira desde as 16.30 horas. No mesmo lugar, pero ás 17 horas e a cargo da Escola de Navegación Tradicional da Illa, 40 persoas terán a oportunidade de facer o seu bautismo de mar en diferentes tipos de embarcacións do país. E o sábado, ás 11 horas, un cento de ciclistas gozarán dos catro quilómetros da marcha entre a praza do Concello e a do Regueiro, rematando o día cunha exhibición do Ximnasia Rítmica Arousa ás 19 horas no pavillón do colexio.
A Festa do Deporte concluirá o domingo 1 de setembro coa recuperación do Carreirón 10K, poñendo fin ao parón aberto no 2020 pola pandemia. Os interesados poden anotarse inda ata mañá na web www.emesports.es.