O Carreirón 10K volverá mañá con 328 participantes e cortes de tráfico na Illa de Arousa
A Illa de Arousa
As categorías absolutas correrán 10.600 metros nun trazado endurecido
31 Aug 2024. Actualizado a las 05:00 h.
O Carreirón 10K regresará mañá ao calendario de carreiras populares tras catro anos de parón, desde que a pandemia paralizara todo. Faino cun novo trazado máis esixente, obrigado pola Dirección General de Tráfico, que lle denegou á Fundación de Deportes da Illa, o ente público organizador da proba, o uso dun pequeno treito da PO-299 nas Laxes, á altura da Casa do Mar.
O veto obrigou a estender a quilometraxe da cita, ata os 10.600 metros para as diferentes categorías absolutas (séniores e veteranas), con dúas voltas a un circuíto máis duro co das anteriores edicións prepandemia, saíndo da rúa Valle Inclán, diante da casa do concello, cara ao Naval, pasando por Campelo, Area da Secada, Testos e de volta ao punto de partida.
O novo percorrido obrigará a cortar mañá o tráfico entre Testos e o Campo de 8 a 13 horas, e neste último punto, de 10.30 a 12, informan desde a Fundación, que atribúe ao endurecemento do trazado polo non da DGT ao paso pola PO-299 e ao tríatlon, finalmente adiado, de Vilagarcía, a baixa participación nas categorías absolutas, con 203 inscritos (328 contando as de menores de idade).
Xuvenís e cadetes, con 2.000 metros de carreira, protagonizarán a primeira saída ás 9.30, seguidos dos infantís e alevíns (1.500) ás 10 e dos séniores e veteranos, con inicio ás 10.30.