Pulo colectivo para que a xente moza fale máis e mellor galego
Cambados
Os rapaces do Ramón Cabanillas visitaron Cambados da man de Guimatur
04 Mar 2021. Actualizado a las 05:00 h.
Case catro mil estudantes de dez centros do país participan na terceira edición de 21 días co galego e máis, o programa de dinamización lingüística que a Xunta pon en marcha na procura de que a xente nova fale máis e mellor galego. Un deses centros é o instituto Ramón Cabanillas, de Cambados, que esta semana traballa a fondo neste fermoso esforzo a prol do futuro da lingua.
O luns tivo lugar o concerto inaugural do programa. Presentouse entón o tema Vento nas velas, composto por Naomi Rey, alumna de cuarto curso de ESO, que foi escollido coma sintonía pola Radio Galega. Un grupo de rapazas e rapaces deron a alborada de gaitas no patio, e pola tarde naceu o blog sonsnasvelas.bolgspot.com, no que os estudantes de bacharelato fan as súas recensións sobre a música galega.
Máis de vinte profesores deseñaron, ao longo deste curso, actividades para todos os niveis educativos do Ramón Cabanillas, que inclúen programas de radio, vídeos explicativos de diferentes materias, rotas a pé e visitas guiadas con Guimatur.