La Voz de Galicia

Xoán Antonio Pillado: «Cabanillas adaptaríase perfectamente ao Cambados do 2021, estaría orgulloso»

Cambados

bea costa cambados / la voz Xoán Antonio Pillado Silvoso, exalcalde de Cambados

O exalcalde é favorable á recuperar a escalinata de Fefiñáns e a peonalizar a praza do Concello

03 Sep 2021. Actualizado a las 05:00 h.

Xoán Antonio Pillado Silvoso foi alcalde de Cambados desde 1979 a 1987. A democracia estaba empezando a andar e había moito por facer, en todos os eidos. O mérito do patrimonio da vila non foi un achado, aínda que si o foi verse donos das decisións que ían marcar o porvir desta riqueza tan valiosa. Pillado Silvoso foi protagonista daquel tempo e dá testemuña del.

-Pensou algunha vez sendo alcalde que Cambados acadaría o recoñecemento de Ben de Interese Cultural (BIC)?

-Si, porque xa nós empezamos facendo xestións con este tema. Recordo que daquela todo dependía aínda do Estado, non se fixeran as transferencias de competencias, e xa nos pediran de Pontevedra que lle mandaramos planos da vila de cara a unha futura declaración de conxunto histórico-artístico -entón aínda non había a figura do BIC-. A raíz de que chocara un camión co Arco de Fefiñáns ao pasar por debaixo dirixímonos á dirección xeral de Patrimonio, xa coa Xunta, e a persoa que estaba ao fronte sorprendeuse de que Cambados aínda non fora declarado conxunto histórico. Díxonos que iniciarían eles de oficio o trámite desde a consellería, e, efectivamente, fíxose. Eu sempre pensei que todo iso chegaría a algún sitio, chámese conxunto histórico-artístico ou chámase BIC.

-E cumpriu as súas expectativas?

-Si, porque era ao que aspirábamos, queríamos unha figura para protexer o patrimonio.

-Como cambiou, se cambiou, a percepción dos veciños sobre este patrimonio?

-Hoxe hai unha maior concienciación cidadá, a poboación asumiu, sen darse de conta, a necesidade de protexer o casco histórico. Nos anos oitenta, moitos pensaban que iso do conxunto histórico era para Combarro, Santiago, Pontevedra ou Santillana del Mar, había moitas reticencias. Sen embargo, agora vexo que cambiou moito a mentalidade. Os veciños saben que ter esta honra [BIC] leva certas servidumes e acéptase que haxa unha serie de limitacións á hora de restaurar un inmoble; están orgullosos e presumen do noso casco histórico, non só os propietarios, tamén os veciños en xeral. Creo ese é o principal cambio.

-A que o atribúe?

-Ao paso do tempo. O tempo cura enfermidades, cura males e ensina moito.

-E a maquinaria administrativa, tamén mudou non?

-Daquela non había que pedir permiso a Patrimonio para facer unha obra no casco histórico. O Concello era o que daba a licenza dacordo coa normativa.

-Iso era bo ou malo?

-Era bo porque axilizaba as cousas. As decisións tomábanse a criterio da corporación e da xunta de goberno, aínda que, por suposto, había técnicos que informaban. O noso criterio sempre foi bastante conservador no aspecto de conservar o patrimonio.

-Quedoulle algunha espiña cravada da súa etapa como alcalde, unha actuación que mellor era que non se tivera feito?

-Quizais co pazo de Silva, non se protexeu como nós quixeramos. Denegamos a licenza porque considerabamos que había que conservar as construción anexas de bodega, muros e un cacho de horta, pero o dono derrubou todo; houbo que parar a obra, botar man da policía local, denuncioume por coaccións e logo e saín absolto.

-Barbaridades da época do «desarrollismo» xa estaban entón e seguen en pé (edificios do antigo banco Zaragozano, do Pombal de Correos...) cre que algún día desaparecerán?

-Non. As solucións son un tanto utópicas porque pasan pola expropiación, e a ver onde se sacan os cartos para iso. Queiramos ou non forman parte da historia de Cambados e aí están. Ao mellor a sociedade evoluciona e dentro duns anos concíbese como algo lóxico que se fagan determinadas actuacións. En todo caso, é o reflexo dunha época.

-Como ve o pobo na actualidade, está conservado como debera?

-A praza de Fefiñáns, as rúas Real e Príncipe..., aí non houbo intervencións que distorsionaran moito. En Triana impacta ver casas con tres pisos de ladrillo e tellado de uralita, e no centro, como na rúa Infantas, fixéronse algúns disparates, pero hai outros sitios que están bastante ben, como O Montiño e o Con en San Tomé.

-Sei que esa posibilidade está moi lonxe, pero, de volver a ser alcalde, que lle gustaría facer?

-Unha cousa que está moi de actualidade; recuperar a escalinata da igrexa de San Bieito.

-E peonalizacións, son suficientes ou faría máis?

-Si, eu peonalizaría a praza do Concello, de feito estando eu de alcalde fixérase o proxecto e incluso chegamos a solicitar unha subvención. Logo chegou o PP e fixo a obra, pero non como tiñamos pensado nós.

-Salvando distancias con urbes como Venecia ou Barcelona, corre Cambados risco de converterse nun pobo de postal para turistas?

-Non o creo, pero hai que ter coidado con ese tema.

-Permítame a licenza, pero non me resisto a preguntarlle ao último Premio Ramón Cabanillas. Que cre que pensaría o poeta do Cambados do 2021?

-Ramón Cabanillas tiña moita imaxinación e xa na revista Umia (1907) escribira un artigo facendo unha especie de viaxe ao futuro sobre unha persoa que visitaba Cambados cincuenta anos despois. Algunhas cousas que citaba non se fixeron, pero, desde logo, era un visionario.

-Gustaríalle o que vería?

-Creo que si, a el gustáballe Cambados fose como fose, estaba tremendamente namorado del no fondo da alma. Creo que se adaptaría perfectamente e estaría orgulloso, tamén criticamente.

O FORO 

O Foro Voz «O Camiño sabe a Albariño. A pegada do patrimonio de Cambados no Camiño» contará con Sindo Mosteiro, Maribel Iglesias, Paula Alfonso e Xoán Antonio Pillado. Será o venres día 3 ás 12.30 horas en Exposalnés


Comentar