La Voz de Galicia

Cambados Histórica vestirá a vila de época do 20 ao 22 de maio

Cambados

bea costa cambados / la voz

Haberá un mercado en Fefiñáns, música e malabares pola rúa

13 May 2022. Actualizado a las 17:47 h.

Co permiso da Festa da Istoria en Ribadavia, cada vez son máis as vilas galegas que viaxan ao medievo para irse de festa, en Cambados tamén. Os días 20, 21 e 22 de maio terá lugar Cambados Histórica, un evento que servirá para lembrar que no século XVII había en Fefiñáns un mercado que era un motor económico, no municipio e na contorna, e, xa na primavera do 2022, para darlle un pulo á economía local.

Esa fin de semana montarase un mercado de produtos de artesanía no que participarán arredor de vinte postos e na propia praza e noutras vilas do casco histórico haberá actuacións musicais, de malabaristas, espectáculos de son e luz e non faltará «o rincón infantil».

Desde o Concello invitan aos hostaleiros a que decoren os seus establecementos acorde á ocasión e aos veciños a que se vistan con roupa de época co fin de recrear o Cambados de hai catro séculos.

O programa, con horarios e localizacións, darase a coñecer nos vindeiros días. Entre tanto, onte compareceu en rolda de prensa o concelleiro de Cultura, Tino Cordal, para dar conta desta nova aposta do Concello que nace, di, con afán de continuidade.

A idea de facer Cambados Histórica xurdiu xa hai un par de anos, pero a pandemia deixou o proxecto nun caixón. Agora retómase da man da empresa Hípica Celta, que se encargará da montaxe e demais aspectos da organización.

A iniciativa conta co beneplácito da asociación de comerciantes Zona Centro, onde confían que esta cita de maio contribúa a atraer público ao comercio e á hostalería da localidade.


Comentar