Teatro Caracol atopa en Gema González a súa nova directora
Cambados
A compaña de Cambados prepara dende onte unha nova función logo da perda de Olga González, a súa fundadora
07 Nov 2024. Actualizado a las 05:00 h.
En marzo, o mundo da escena arousá perdía a Olga González Vilas, histórica directora de Teatro Caracol, un fermoso soño que a vontade da súa fundadora puxo en pe co alma posta no público infantil. Ao longo dunha trintena de obras, a compaña foi quen de percorrer, tempada a tempada, os centros escolares de Cambados dende o seu fogar habilitado no instituto Francisco Asorey. Foi alí precisamente, no Asorey, onde a agrupación anunciou onte o nome da súa sucesora: Gema González dirixe xa as primeiras lecturas do que será a nova peza caracolística, que probablemente se estree en maio.
«Estamos moi contentos, porque se deron varias bonitas casualidades. Descubrimos que Gema e Olga fixeran un curso de interpretación xuntas hai tres anos. E no proxecto que presentou incluíu unha das últimas cancións que escoitara a miña nai», sinala Matías Daporta, o seu fillo, que mantén aceso o lume.
Foron tres as candidatas que o conxunto da compaña, formada por unha vintena de persoas, valorou á hora de sumir un reto coma este. O proxecto de Gema González foi o único que acadou un apoio unánime. «Non podemos revelar aínda a obra, pero Gema presentounos un guión e xa estamos traballando con el no instituto Asorey», apunta Matías.
Que este Caracol siga percorrendo os colexios de Cambados a partir da primavera supón un verdadeiro exercicio de respecto e supervivencia do patrimonio cultural, que precisa apoio institucional. E niso tamén incide Matías. A beca que fai posible esta nova dirección entraña un investimento anual de cinco mil euros en honorarios e dous mil máis en produción, a través dunha beca: «Este xesto cara o noso patrimonio vai precisar un apoio máis serio».