Cambados e Meaño acollen as vindeiras sesións informativas sobre o Alzhéimer
Cambados
Serán os días 18 e 25 e están dirixidas a coidadores e a persoas diagnosticas en fase temperá
16 Nov 2024. Actualizado a las 17:46 h.
Continúan as charlas informativas sobre o Alzhéimer na comarca. Onte celebrouse en Meis e o próximo luns será na Casa da Calzada en Cambados, cunha sesión de 16 a 20 horas, e o luns 25 no centro social de Dena (Meaño), co mesmo horario. A actividade organízase coa colaboración de AFASAL, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias do Salnés, a Deputación de Pontevedra e os concellos. A iniciativa está dirixida, principalmente, a coidadores de persoas cunha demencia neurodexenerativa, pero tamén a persoas diagnosticadas en fase moi temperá así como a calquera persoa interesada na temática.
As demencias teñen unha alta prevalencia (estímase que afectan ao 31,25 % das persoas que superan os 85 anos), especialmente en Galicia, cunha poboación altamente envellecida. Ademais, o contexto rural experimenta un fenómeno de sobre envellecemento ao que se lle engade unha escaseza de servizos e ausencia de intervencións. Esta realidade non só afecta á persoa que padece a enfermidade, senón tamén a todo o núcleo familiar, segundo explican desde a organización.
Por este motivo ponse a disposición das persoas afectadas esta formación gratuíta, que será impartida por unha psicóloga e unha traballadora social especializadas na temática. O obxectivo é formar, orientar e axudar a persoas que se atopen nesta situación, achegando coñecementos e recursos para poder afrontar mellor a enfermidade e mellorar a calidade de vida da persoa con demencia e da súa familia.