La Voz de Galicia

O BNG asume que no goberno de Cambados hai «descoordinación e improvisación» e pídelle ao alcalde que tome medidas

Cambados

Bea Costa Cambados

O grupo de nacionalista convoca a comisión de seguimento do pacto, pero mantén o seu compromiso cun goberno de esquerdas

10 Dec 2024. Actualizado a las 22:44 h.

A convocatoria esta mañá dunha rolda de prensa do Bloque Nacionalista Galego de Cambados xerou expectación tendo en conta a fenda aberta na coalición de goberno a raíz do debate plenario sobre o asilo da semana pasada. O grupo nacionalista abandonou o pleno en sinal de protesta polo cambio de postura dos seus socios e horas despois convocou á asemblea local para abordar unha situación que cualifican de «grave». Con todo, o pacto non corre perigo. «Non queremos que goberne o PP, queremos que o goberno de Cambados teña futuro», indicaba esta mañá o responsable local do BNG, Iago Pillado, pero para iso ten que haber cambios.

En contra dos parámetros que rexen a lóxica política, o BNG coincide desta volta co discurso do PP á hora de falar de «descoordinación» e «improvisación» no cuadripartito (PSOE-Somos-BNG-Pode). Non queren sinalar culpables. Prefiren falar de «responsabilidades» e, neste sentido, apuntan ao alcalde como máximo responsable da coordinación do goberno. «Non é lícito que se agoche no capricho dun concelleiro», dixo Pillado, sen citalo, en alusión ao socialista Samuel Lago.

Tampouco citou a José Ramón Abal aínda sendo o concelleiro de Pode o detonante da última controversia no goberno local. Foi el quen pediu que se cambiara o texto da moción sobre o asilo que se aprobou o mércores —incluíndo así o compromiso do Concello a contribuír economicamente na compra do pazo de Montesacro, en contra do que viña defendendo a esquerda cambadesa ata ese momento— e fíxose de costas ao BNG, xa que o novo texto da moción acordouse na Xunta Local de Goberno cando esta se dera por rematada e o portavoz do Bloque, Liso González, xa se ausentara, segundo as mesmas fontes.. A concelleira Mar Pérez fala dun acordo «clandestino, que non debería ter validez legal» e cualificou o acordo plenario de «surrealista». O Concello non ten nin competencias nin solvencia económica para afrontar a compra do asilo, argumenta o BNG, e repróchalle aos seus socios de goberno que, con todo, votaran a favor.

Para o Bloque, o acontecido no pleno foi a gota que colmou o vaso, e decidiu dar un golpe na mesa. Ás 12 hora presentouse ante os medios de comunicación para deixar patente o seu malestar e acto seguido fixo saber aos seus socios de goberno a decisión de convocar a comisión de seguimento do pacto, atendendo ao acordado no seu día polas catro forzas políticas. Queren que esta reunión se celebre antes de fin de ano e de non ser así «tomaranse outras medidas», informou Pillado, que exerceu de voceiro ante a ausencia de Liso González, quen non puido asistir por atoparse a esa hora na comisión de Patrimonio.

«Necesitamos estabilidade e non a promoción individual de cada concelleiro. O peor que lle pode pasar a Cambados é que a se dea a sensación de que ninguén está á fronte», engaden desde o BNG. Levan meses intentando corrixir esta deriva, pero ninguén se senta a falar do tema, lamentan: «A imaxe non é boa e parece que hai quen se sente máis cómodo nesta situación».

O pleno do mércores puxo en evidencia, con luz e taquígrafos, un mal que sofre a goberno local desde o principio do mandato: a falta de cohesión interna. O elemento máis disonante é José Ramón Abal, que sempre acaba facendo valer a súa condición de chave do goberno para sacar adiante as súas propostas. Fíxoo co asilo e fíxoo con outras cuestión que se votaron noutros plenos, pero non é único «verso solto», apunta Iago Pillado. Na súa opinión, a falta de coordinación do cuadripartito non é cousa dun grupo ou un concelleiro en concreto e fai un chamamento para que se reconduza a situación en aras de manter un goberno de esquerdas en Cambados.


Comentar