O alcalde de Catoira convoca á veciñanza para deseñar as accións da Axenda Urbana 2030
Catoira
A reunión será este luns, ás 19 horas, na antiga casa do Concello. Castaño quere favorecer «un remuíño de ideas»
27 Sep 2024. Actualizado a las 16:14 h.
O Concello de Catoira vai reunir o vindeiro luns ás asociacións, tecido produtivo e veciñanza do municipio para falar das accións a desenvolver dentro do xeodestino turístico Mar de Santiago, que este municipio comparte con Valga, Pontecesures e Vilanova. O goberno local quere facer un «remuíño de ideas» e recoller propostas de actuacións para incorporalas dentro da estratexia da Axenda Urbana 2030.
Ese documento será un plan integral e a longo prazo deseñado para orientar o desenvolvemento urbano e rural, así como o progreso socioeconómico dos catro municipios durante a próxima década. O obxectivo principal da Axenda, apunta o alcalde Xan Castaño, será «establecer metas e accións concretas para alcanzar un desenvolvemento sostible, inclusivo e resiliente ao longo do tempo». Castaño sostén que a participación activa da cidadanía «é vital, xa que achega unha visión realista do municipio, as preocupacións principais da xente e as posibles aspiracións e solucións».
O encontro para colaborar na realización da Axenda 2030 será o luns día 30 ás oito da tarde no Espazo colectivo ECO da antiga casa do Concello e terá unha duración aproximada dunha hora. Para formalizar a participación é necesario completar o formulario de inscrición no enlace https://forms.gle/iWMAhe7a6EcJ9ESc9.