La Voz de Galicia

O Asmubal Meaño continúa a súa caída libre e xa está a só un punto do descenso

Meaño

As de Juan Manuel Costas víronse superadas no marcador (26-23) e na clasificación por outro rival directo, desta volta, o Cañiza

11 Feb 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Nin a estrea do segundo e último reforzo de inverno, a primeira liña e especialista defensiva Bruna Xavier, bastou para frear a caída libre dun Inelsa Solar Asmubal Meaño que, de non variar diametralmente a súa actitude e rendemento en pista nas sete derradeiras xornadas de Liga, está abocado a caer a Primeira Autonómica só un ano despois de tocar a gloria co subcampionato de grupo na División Honor Plata Femenina e a súa primeira participación na fase de ascenso a Oro.

O Saeplast Cañiza converteuse onte nun novo rival directo beneficiado da perda de rumbo do Asmubal, saltando tamén por riba del na clasificación. O 26-23 final, unido á vitoria do pechacancelas, Palencia Turismo, no campo dun Siero que agora pecha a clasificación, coloca o cadro meañés penúltimo entre ambos os dous equipos mencionados, cun único punto de vantaxe respecto ao Siero, ocupante da única praza castigada co descenso ao termo da competición.

O Cañiza meteulle un 10-2 de saída ao Asmubal en menos de trece minutos. E se ben as de Costas corrixiron o seu desaguisado con dous parciais de 0-4 que levaron o marcador a un 12-10 ao descanso, e inda achegándose ata en tres ocasións a un gol na segunda, nunca se puxeron por diante.

FICHA DO PARTIDO:

SAEPLAST CAÑIZA (26): Ana Vázquez, Sara Carril (3), Ana Rodríguez, Sofía Álvarez (1), Andrea Amarilla (5), Sandra López (2), Penabella (1), Paula Pereira (1), Laura Costas, Lucía López (3), Nerea Míguez (1), Sabela Vázquez (5), Carballo, Arca, Ana Pérez (2) e Carla Gómez (2).

 INELSA SOLAR ASMUBAL MEAÑO (23): Pulti, Raquel Sineiro (3), Agustina Ballada (6), Micaela Lusarreta, Sabela Miniño, Cárol Ferreira (4), Currás, Lucía, Cores (2), Uxía, Bruna Xavier, Laura Miniño (6), Rey (2) e Victoria. 

MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 3-2, 8-2, 10-3, 10-6, 11-7, 12-10 (descanso); 14-11, 18-14, 18-16, 21-19, 23-20 e 26-23

ÁRBITROS E EXCLUSIÓNS: Millán Fdez. e Diego Ruíz. Sinaláronlle tres exclusións á Cañiza e catro ao Asmubal.


Comentar