Arrinca a Festa do Viño de Meaño cunha grande asistencia na apertura dos estands
Meaño
A Banda Unión Musical de Meaño (BUMM) encargouse de abrir o capítulo de animación, recibindo a primeira hora da noite o relevo do Grupo América de Vigo e do DJ Paco Vulkano
20 Jul 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Meaño comezou a gozar na noite de onte da primeira das tres xornadas da vixésimo terceira edición da súa festa do viño. Un encontro que este ano reúne a unha vintena de adegas, con cadanseu estand na carpa habilitada na praza do Concello.
O alcalde, Carlos Viéitez, encabezou o inicio da Festa do Viño de Meaño, que contou coa presenza do subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, xunto á de numeroso público.
A Banda Unión Musical de Meaño (BUMM) encargouse de abrir o capítulo de animación, recibindo a primeira hora da noite o relevo do Grupo América de Vigo e do DJ Paco Vulkano.
Hoxe, máis aló da degustación das referencias despachadas nos locais das adegas participantes, os asistentes á Festa do Viño de Meaño poderán gozar desde as 20 horas da Charanga Furruxa como prólogo aos dous concertos programados: o de Roi Casal, ás 22 horas, e o da Orquestra Charleston Big-Band, a partir da media noite. Para mañá quedarán os actos principais, comezando polo desfile de autoridades, de adegueiros e de confrarías, o nomeamento dos novos cabaleiros e damas coa participación dos Mozos de Arousa, e o pregón, a cargo do directivo do grupo Mediaset Manuel Villanueva de Castro.