La Voz de Galicia

GalizAmérica rende homenaxe a cultura galega na diáspora

O Grove

elena larriba

A mostra, promovida pola Deputación, iniciará a súa andaina este xoves en O Grove e rematará en Poio en decembro

12 Sep 2018. Actualizado a las 05:00 h.

GalizAmérica fai un percorrido por varios fitos históricos do exilio e o espertar da conciencia galega a través dos intelectuais emigrados, fundamentalmente en cidades significativas como Bos Aires e Montevideo. Promovida pola Deputación e comisariada por Carmen Carreiro e Ramón Nicolás, esta mostra compila materiais que dan conta do florecemento da lingua e a cultura galega en América e complétase coa proxección do filme A cicatriz branca, de Margarita Ledo, e varias conferencias sobre o exilio.

Trátase dunha exposición itinerante que iniciará a súa andaina este xoves na Sala das Cunchas do Concello do Grove, e continuará por Gondomar, A Guarda, Redondela e Poio, onde rematará en decembro. O deputado de Cultura, Xosé Leal, asegurou onte na presentación que «este proxecto é clave para entender a nosa lingua e a súa evolución nos anos escuros da ditadura, e rende homenaxe a todas aquelas persoas exiliadas que loitaron por manter viva a nosa cultura nunha América que naquel momento foi o facho no que prendeu o galego».

A mostra está composta por 13 paneis e, segundo explicou a comisaria Carmen Carreiro, está estruturada en tres grandes apartados. O primeiro relaciona o exilio coa represión como causa inmediata e a este apartado corresponden os paneis que explican a travesía en barco das persoas exiliadas, os portos dos que partían e as condicións da viaxe.

 

Os centros galegos

A xenerosidade de América é a temática do segundo bloque, centrado no nacemento dos centros galegos máis importantes de América e a súa función como lugares de espertar e florecemento da conciencia galega.

E a terceira parte da mostra relaciona o exilio interior co exilio exterior, con especial incidencia nos programas de radio, na publicación de manifestos e na edición de libros e revistas na diáspora «que serían impensables aquí». Fotografías de xuntanzas e portadas de libros impulsados pola alianza dos intelectuais exiliados de diversos ámbitos creativos -Lugrís, Freire, Castelao, Seoane ou Colmeiro- enchen os paneis deste apartado.

En todos os concellos polos que pasará a mostra proxectarase o filme A cicatriz branca, no que Margarita Ledo dá voz ás mulleres que en moitos casos tiveron que emigrar soas. A cineasta explicou que se trata dun filme de xénero, gravado integramente e por primeira vez na diáspora e en lingua galega. Nel recolle as conversas que mantivo con algunhas desas mulleres que compartiron con ela a súa experiencia.


Comentar