La Voz de Galicia

De que parece esquecerse Adro Vello

O Grove

Avelino Ochoa

O autor reflexiona sobre o PXOM, que de non ser rectificado «sería un novo agravio para o impresionante xacemento» do Carreiro

29 Aug 2021. Actualizado a las 05:00 h.

A principios do pasado xullo, o Concello do Grove aprobou provisionalmente un ansiado PXOM. Avalárono os votos da maioría absoluta do PSOE, coa abstención do PP e EU e o rexeitamento do BNG. Agora a Dirección Xeral de Urbanismo devólveo para que se complete e se rectifique. É unha grande oportunidade que debería obrigar a todos os grupos políticos a alcanzar un consenso para lograr un deseño moderno da vila grovense, que, sen dúbida, non aparecía no Plan enviado á Xunta. É tamén a oportunidade de revisar un dos erros porque, se non se rectificase, esta futura norma sería un novo agravio para o impresionante xacemento de Adro Vello. Non creo que exista unha persoa medianamente inquieta en Galicia que ignore a importancia de Adro Vello-Os Castriños e se vostede segue esta columna estará cansado de ler que resume a historia de Galicia desde antes do dominio romano ata o século XX ao permanecer ocupado correndo a época castrexa ata ben entrado o XVIII con vestixios romanos, cristiáns, suevos, medievais…as salgas; e que habería que seguir estudiándoo. O núcleo máis importante, tristemente abandonado, son as estruturas onde se ven os restos dunha capela, dunha villae, enterramentos, sartegos e moitísimo máis que fan dese lugar arqueolóxico un dos máis sobranceiros de Galicia. O conselleiro de Cultura e o alcalde do Grove, por petición veciñal, en febreiro de 2020 visitaron o lugar e pouco despois anunciaron que ían proceder coa declaración como BIC desa zona, o que produciu polémicas estériles entre diversos próceres como se non lles parecese ben. Pasado máis de ano e medio nin sequera se publicou no DOG o inicio desa tramitación e a neglixencia e desleixo das Administracións competentes seguen a ser clamorosas. É aldraxante. Mais o desinterese semella que aparecía tamén nese novo PXOM. Explícome: Hai dúas clases de bens patrimoniais, os Bens de Interese Cultural (BIC) que declara a Consellería de Cultura, e os Bens Catalogados que, basicamente, son os recollidos nas normas urbanísticas de cada municipio. As Leis de Patrimonio Cultural e do Solo de Galicia utilizan eses Catálogos para identificar os elementos que se teñen que conservar polos valores de seu. Resulta obrigatorio que a normativa urbanística conteña un catálogo cunha ficha individualizada descritiva de cada elemento. As 325 fichas do catálogo deste PXOM, con respecto á normativa hoxe vixente son exhaustivas aínda que algunhas notoriamente ridículas. Pódense, débense, consultar na páxina oficial do Concello do Grove no apartado que recolle a normativa completa. As fichas aparecen con notables confusións como localizar Reboredo na parroquia de San Martiño, A Siradella na Gandariña, Punta Moreiras en Estonllo ou o propio Adro Vello en Punta Moreiras. Non se pode dicir, insisto, nin que se descoñeza a relevancia de Adro Vello nin, por engadir outras ausencias, do patrimonio subacuático. Pois non constan nese PXOM e a ausencia da ficha de Adro Vello ten que ser, forzosamente, un tremendo e imperdoable erro: consultado este 28 de agosto en internet, onde debería aparecer esa ficha, non está. Non está. Figurará en papel?. Debeu ser unha equivocación, un descoido porque non é imaxinable que o abandono e o desleixo sexan tan grandes como para non incorporalo adrede. Relacionadas con Adro Vello aparecen dúas fichas: as AQ4 e AQ10, repetidas e referidas a un suposto achado de cerámica onde houbo un chiringuito de praia e agora un aparcadoiro. Do xacemento arqueolóxico en si, do extraordinario Adro Vello, non hai ficha aínda que apareza grafado nos planos. Ten que ser unha confusión. Pero se é un fallo, como é que ninguén reparou nel?. Foron serios os debates sobre o PXOM desde a lo menos 2006? Agora hai a oportunidade de rectificar ese erro para que Adro Vello non quede sen ficha no Catálogo e que a súa única esperanza sexa que Patrimonio da Xunta o declare BIC. Así que a quen corresponda: que se aproveite tamén para emendar ese erro. E se alguén asume a responsabilidade, mellor.


Comentar