O Grove é escenario do Campionato Galego de Barco Dragón, que recada fondos para a loita contra o cancro
O Grove
A proba celébrase este sábado, de 10.30 a 17 horas, cunha cerimonia de flores ao rematar en recordo das persoas falecidas pola enfermidade e as que seguen a loitar contra ela
13 Sep 2024. Actualizado a las 21:49 h.
O Pavillón de Deportes Náuticos Tono Campos e a ponte da Toxa serven este sábado, de 10.30 a 17 horas, de puntos de referencia da segunda edición do Campionato Galego de Barco Dragón, cita elixida como XXXVIII Trofeo Concello do Grove e I Trofeo De la ría al plato de piragüismo.
Organizado polo Breogán do Grove e pola Federación Galega de Piragüismo, son 45 as tripulacións de nove clubs que darán dúas voltas completas ao campo de regatas para cubrir os 2.000 metros da proba. Serán embarcacións DB12, isto é, con dez padexeiros, un tambor e un timonel, e DB22, nas que a tripulación de padexeiros se eleva a vinte, divididas en oito categorías: feminino, mixto e open sénior, feminino, mixto e open veterano, paradragón —dragón inclusivo— e BCS.
Esta última categoría está reservada a mulleres superviventes de cancro de mama. Unha enfermidade con protagonismo propio no campionato grovense. Así, aproveitando a cita deportiva, faráse a segunda edición de Padexadas contra o cancro, cun posto da delegación local da Asociación Española Contra el Cáncer (AECC) informando e recadando fondos no paseo marítimo meco. Ademais, ás cinco da tarde celebraráse unha cerimonia das flores coas tripulacións dos dragóns BCS en recordo das persoas falecidas polo cancro e as que seguen a loitar contra el.