La Voz de Galicia

O conflito entre o persoal e DomusVi en Ribadumia chegará a xuízo

Ribadumia

P. Penedo vilagarcía / la voz

O cadro de traballadores debatirá a posibilidade de ir á folga. A compañía di estar aberta ao diálogo, sinalando que a situación non afecta á calidade do servizo aos residentes do centro

27 Feb 2024. Actualizado a las 20:08 h.

O conflito entre o cadro de traballadores da residencia de DomusVi en Ribadumia e a compañía pola imposición dos cambios nas quendas laborais dos empregados por parte da empresa o 1 de xaneiro acabará dirimido nun xuízo. Ambas as dúas partes acudiron na mañá deste martes ao Servicio de Mediación, Arbitraje y Conciliación (SMAC) no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra ao acto de conciliación co que a lexislación laboral trata de buscar un acordo previo que evite a xudialización de casos coma este. Pero o acto rematou sen acordo e o cadro de persoal de DomusVi Ribadumia anunciou que proximamente convocará unha asemblea para decidir se, en paralelo ao percorrido do desacordo nos tribunais, aposta por intensificar as súas mobilizacións, sen descartar mesmo o recurso á folga. Este mesmo martes, diante do SMAC, protagonizaron xa a súa segunda concentración, logo da que fixeran o día 9 deste mes ás portas da residencia tras facer pública a súa situación.

Iván Veiga, secretario comarcal de Servizos de Pontevedra da CIG, central das tres delegadas que conforman o comité de empresa que representa os intereses do cadro de persoal de DomusVi Ribadumia, sinalou diante do SMAC que «os traballadores están fartos de que non se respecten os seus dereitos». Declaracións que acompañou recordando o motivo da mobilización do cadro de persoal da maior residencia de persoas maiores do Salnés: «DomusVi limitouse a comunicar a entrada en vigor dende o pasado 1 de xaneiro dos novos horarios e dos cambios de quenda sen cumprir os requisitos esixidos, xa que o calendario anual ten que ser pactado coa representación legal dos traballadores [...] Ademais, o cuadrante entregado pola empresa supón que haxa semanas nas que non se garanten os descansos legais, non se respecta o cómputo da xornada anual nin tampouco a compensación en días festivos».

La Voz de Galicia consultou a compañía sobre a falta de acordo no acto de conciliación, contestando esta a través dun breve comunicado: «DomusVi confirma que sigue abierta a dialogar con los representantes de los trabajadores de la residencia de Ribadumia para alcanzar, juntos, consensos satisfactorios para ambas partes. La compañía confirma, asimismo, que la actual situación no incide en la calidad de la atención que los usuarios y residentes de este centro reciben».


Comentar