Ribadumia inviste 11.410 euros na colocación de paneis solares no tellado do consistorio
Ribadumia
Consta de 16 paneis monocristalinos cunha potencia total de 7,28 kilovatios
16 Nov 2024. Actualizado a las 17:46 h.
Ribadumia incorporou unha instalación de paneis solares fotovoltaicos para o autoconsumo no edificio consistorial. Consta de 16 paneis monocristalinos cunha potencia total de 7,28 quilovatios. O campo fotovoltaico colocouse en superposición co tellado e, ademais, instalaranse o cabreado e as proteccións necesarias e realizarase a documentación técnica necesaria para a súa legalización, segundo informa o goberno local.
Esta actuación ten un orzamento de 11.410,30 euros para a realizacións dos traballos correspondentes. O Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) concedeu ao ente municipal unha subvención de 7.680,40 euros para este fin, financiándose no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia Europeo, ao amparo do instrumento temporal Next Generation EU.
«Dende o consistorio adóptase esta medida co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética do edificio, apostando polas fontes de enerxía limpas, como é a solar, esperando acadar ademais unha notable redución dos custos eléctricos para as arcas municipais, podendo investir os fondos empregados con anterioridade noutros fins, de cara a mellorar a calidade de vida da veciñanza».