Ribadumia enche o Nadal de concursos para adornar o municipio
Ribadumia
Os veciños están chamados a decorar as casas e os negocios
28 Nov 2024. Actualizado a las 15:28 h.
O Concello de Ribadumia enche o Nadal de concursos. Ao de carrozas para a cabalgata de Reis súmanse outros de decoración de ventás e exteriores de vivendas e un terceiro de escaparates e interiores de establecementos, este último promovido en colaboración coa asociación de comerciantes do municipio Ribadumia Agárdate.
O obxectivo destas iniciativas é incentivar a creatividade e a participación da veciñana así como as vendas no comercio local, co reclamo que supón o reparto de 1.790 euros en premios en total. Establécense tres premios en cada un dos tres concursos.
No caso dos da decoración, o xurado valorará diferentes aspectos como a creación artística, a presentación, creatividade, orixinalidade, as cores e iluminación e os elementos característicos da nosa cultura e tradicións, así como os adornos de Nadal feitos con material reciclado.
As persoas que desexen participar teñen de prazo para inscribirse ata o venres 20 de decembrode forma presencial no Concello de Ribadumia, a través do correo electrónico cultura@ribadumia.org ou no teléfono 986 718 491.
Os participantes deberán ter exposta a decoración dos seus fogares, cando menos, entre o 8 de decembro de 2023 e o 7 de xaneiro.
Unha vez rematado o prazo de inscrición nos concursos, o xurado reunirase para examinar as candidaturas presentadas e decidir os galardoados da presente edición. Os gañadores e dous concursos daranse a coñecer o día da Cabalgata de Reis, ademais de ser comunicados persoalmente e a través das redes sociais municipais.