Valga estrea obradoirode emprego mentres Cambados clausura o seu
Valga
![Acto inaugural do obradoiro de emprego de Valga](https://cflvdg.avoz.es/sc/_hbgMKGhLz8f3l0-SsXKYOUf-2I=/768x/2023/10/04/00121696424102196104282/Foto/A_20231004_135312000.jpg)
A conselleira Elena Rivo asistou hoxe á inaguración do obradoiro Xóvenes Moraña-Valga 2
04 Oct 2023. Actualizado a las 15:39 h.
Os obradoiros de emprego seguen de actualidade por un dobre motivo; uns rematan e outros empezan, e entre estes últimos sitúase o que inaugurou este mércores a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, en Valga. Trátase do obradoiro Xóvenes Moraña-Valga 2, no que un total de 16 persoas menores de 30 anos recibirán formación nas especialidades de traballos forestais e albanelería.
A Xunta de Galicia inviste nesta actividade 400.000 euros co obxectivo de formar durante 12 meses mozos mozos menores de 30 anos en especialidades con demanda na súa contorna.
A conselleira destacou o papel que xogan os obradoiros porque, ademais de brindar oportunidades laborais ás persoas participantes, engaden valor ás contornas mediante a realización de obras e prestación de servizos. Neste caso, as actuacións a desenvolver permitirán realizar melloras forestais e de acondicionamento de tramos do Camiño e espazos naturais destacados, así como a posta en valor de patrimonio cultural nos dous municipios.
![Acto de clausura do obradoiro de Cambados](https://cflvdg.avoz.es/sc/3kHZsF6wUmH3nEDGSimj0xuE0Ds=/768x/2023/10/04/00121696424161921654394/Foto/A_20231004_141510000.jpg)
Pouco despois da estrea en Valga, en Cambados clausuraban o seu obradoiro de emprego coa entrega dos diplomas aos vinte alumnos que se formaron no último ano nas modalidades de albanelería e carpintería. O alcalde, Samuel Lago, agradeceulles o traballo feito que permitiu restaurar un lavadoiro en Oubiña, arranxar as pasarelas do paseo de A Seca e acondicionar a nova sede da policía local no edificio de A Merced. «Obxectivo cumprido, aprendéchedes, traballáchedes e estamos moi satisfeitos», indicou o rexedor. O acto tamén contou coa presenza do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Antonio Rodríguez e o equipo directivo do obradoiro.
Cambados pecha o obradoiro agardando por unha nova edición desta modalidade formativa para o vindeiro ano.