La Voz de Galicia

O Centro Superior de Música de Valga abre un novo curso internacional

Valga

Valga / La Voz

O CSM inicia a súa quinta temporada, con Manuel Villar de novo á fronte

02 Oct 2024. Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Educación, Carmen Gómez, asistiron esta mañá no Auditorio ao acto de inauguración do curso no Centro Superior de Música que funciona no auditorio. Son xa cinco os cursos nos que «a Universidade da Música de Valga», en palabras do alcalde, leva en funcionamento, co obxectivo de «formar músicos integrais, que ademais de ser grandes instrumentistas e dar concertos pidan tamén participar en musicais, cine, ópera...», segundo subliñou o presidente do centro, Manuel Villar. E para avanzar nesa dirección o Concello está a traballar para poder implantar en Valga un Centro Superior de Arte Dramática. No acto de apertura tamén participaron o director artístico do CSM, Simón Ibáñez; a vicedirectora, Paula Gago; a xerente, María Jesús Rey; e a xefa de estudos, Ilona Timchemko. Dende Viena interveu Liina Leijala, directora de Programas Internacionais do CSM e directora do Barenboim-Said for Music.

Neste curso, o centro contará con case oitenta alumnos chegados dende diferentes puntos de España, Europa, América e Asia, que se formarán en especialidades como composición, dirección, interpretación, musicoloxía, pedagoxía xeral e da linguaxe musical, produción e xestión. «Para Valga é un orgullo ser a terceira localidade de Galicia en contar cun Centro Superior de Música e poremos toda a colaboración da nosa parte para que este curso sexa un éxito como foron os catro anteriores», indicou o alcalde, que deu a benvida aos estudantes que se incorporan.

Simón Ibáñez incidiu que a historia do CSM non se limita a estes últimos cinco anos, senón que «empezou fai case tres décadas cando se fundaron a Escola de Música, a Banda e, posteriormente, coa construción deste edificio», en referencia ao Auditorio, que agora é a sede do Centro Superior. Explicou que o obxectivo é «proxectar dende Valga unha mirada internacional» a través do Promotion Program e avanzou algúns dos principais eventos que terán lugar nos vindeiros meses. Por exemplo, en febreiro actuarán en Valga os gañadores do concurso de talentos «Goldene Note», da televisión pública de Austria.


Comentar