La Voz de Galicia

A astrofísica galega da NASA Begoña Vila abre a convención de profesores de ciencias en Valga

Valga

A astrofísica galega entrega ao alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, unha insignia do telescopio espacial James WebbA astrofísica galega entrega ao alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, unha insignia do telescopio espacial James Webb

O congreso reúne no instituto do municipio arousán a douscentos docentes chegados dende toda Galicia

15 Nov 2024. Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia (Enciga) é un colectivo de profesores que se marca como obxectivo a mellora da calidade do ensino nas áreas de matemáticas, ciencias e tecnoloxía, principalmente nos niveis non universitarios. Dende onte e ata o sábado, a entidade reúne no IES de Valga a douscentos docentes —principalmente de Secundaria, pero tamén de Primaria e a universidade— que participan no seu congreso. Desta volta, cunha madriña excepcional: a astrofísica da NASA Begoña Vila Costas, que pronunciou a conferencia de apertura, titulada A exploración espacial: ensinándonos o universo.

Nada en Vigo en 1963, Vila está especializada no estudo de galaxias espirais e ten recibido múltiples recoñecementos, incluíndo dúas medallas da NASA, onde é a enxeñeira principal de sistemas do centro espacial Goddard, o premio Wonenburger da Xunta e o premio Galego do Ano, e figurou na lista Forbes das cen mulleres máis influentes en España nos anos 2022 e 2023, ademais de ser nomeada embaixadora honorífica da Marca España en Ciencia e Innovación no 2022.

A astrofísica visitou o Concello en compaña de Eliseu Mera e Ana Bueno, director e vicedirectora do instituto, asinou no libro de ouro e agasallou ao alcalde, José María Bello Maneiro, unha insignia co telescopio espacial James Webb, posto que ela foi a encargada de dous dos seus instrumentos. Ademais de Vila, participarán coma conferenciantes nesta edición da convención Xabier Cid Vidal sobre o CERN, Susana Ladra sobre a intelixencia artificial e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro.


Comentar