Reivindicar á muller, o mellor motivo pata botarse a andar
Valga

En Valga e Pontecesures, arredor de 120 persoas participaron na actividade que se desenvolveu tamén en Meis, Meaño e O Grove
17 Mar 2025. Actualizado a las 05:00 h.
Arredor de cento vinte persoas participaron este domingo na andaina «Camiñamos pola igualdade», organizada polo Centro de Información á Muller (CIM), dos concellos de Valga e Pontecesures. A actividade formaba parte das conmemoracións do Día Internacional da Muller.
Os camiñantes percorreron un traxecto de doce quilómetros e medio polos dous concellos veciños, con saída e chegada no CODI, en Baño. Dende alí o grupo dirixiuse pola senda do Carballiño cara a Pontevalga para atravesar o Parque Irmáns Dios Mosquera e continuar cara San Miguel. Alí enlazaron co trazado do Camiño Portugués en dirección a Pontecesures, pasando por Condide, o Camiño do Regadío ou o Pino Manso. Na prazuela pontecesureña estableceuse un punto de avituallamento e, despois, retomouse o percorrido pola beira do río Ulla cara A Devesa. A última parte da ruta, de dificultade media-baixa, discorreu pola Ponte do Souto e o lavadoiro, Campaña, a Mina Mercedes e de regreso cara o CODI polo Carballiño.
Os inscritos recibiron varios agasallos que foron repartidos polo psicólogo do CIM, Sergio Muñiz: chalecos reflectores, chaveiros conmemorativos do 8-M e lapiseiros que tiñan incrustadas no papel do envoltorio sementes de petunias para plantar.
En Meis, Meaño e O Grove tamén houbo andainas co gallo do Día da Muller.