La Voz de Galicia

O Memorial Miguel Ángel González Estévez volve tras tres anos de parón, con 30 equipos

Vilagarcía de Arousa

Vilagarcía / La Voz

Os pavillóns de Fontecarmoa e Fexdega acollerán en tres xornadas case un cento de partidos

30 Mar 2023. Actualizado a las 16:25 h.

O Memorial Miguel Ángel González Estévez iniciará na tarde deste venres a súa décimo sétima edición. Será a primeira tras o longo baleiro de tres anos a causa da pandemia de covid-19. Instituido pola Agrupación Deportiva Cortegada en recordo de quen foi o seu presidente, e co CLB como actual organizador, o campionato amplíase este ano, sumando á tradicional categoría infantil a cadete.

O motivo desta novidade, explicaron os responsables da cita deportiva durante a presentación da mesma no consistorio de Vilagarcía, é darlle a oportunidade a aquelas rapazas e rapaces que transitaron pola categoría infantil nos tres anos de parón do memorial de poder xogalo agora que xa, por idade, compiten coma cadetes.

Serán 30 os equipos que se enfronten sobre o parqué dos pavillóns do complexo polideportivo de Fontecarmoa e mais de Fexdega; entre eles, o Vitoria de Guimarães, o San Isidro de Valladolid ou o Real Grupo Covadonga. E serán case un cento os partidos que se disputen entre a tarde deste venres e a mañá do domingo. Para a derradeira xornada quedarán as finais cadetes, desde as 11 horas, e as infantís, a partir das 12.45, co acto de clausura, como os partidos polos títulos, en Fontecarmoa ás 14.15 horas.

Na presentación do Memorial, o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, loou a figura de Miguel Ángel González Estévez, ao tempo que lles agradeceu aos organizadores o traballo de poñer en pé un torneo cun importante retorno económico para o sector servizos de Vilagarcía. Detalle que o vicepresidente da A.D. Cortegada, José Gorgoso, lle devolveu ao rexedor agradecéndolle a este o apoio do Concello ao Memorial.


Comentar