La Voz de Galicia

A Mancomunidade reforza a compostaxe en Cambados, Meis e Meaño

Vilagarcía de Arousa

R.C. /  CAMBADOS / LA VOZ B.C. CAMBADOS / LA VOZ
Unha sesión de reparto de composteiros no Concello de Cambados

Os veciños dos municipios poderán xestionar os seus biorresiduos de xeito gratuíto

02 Aug 2024. Actualizado a las 17:51 h.

A Mancomunidade do Salnés, en colaboración cos Concellos de Cambados, Meaño e Meis, conseguiu unha subvención de 110.000 euros para a compostaxe pola que os veciños dos municipios poderán xestionar os seus biorresiduos de xeito gratuíto. Repartiranse 841 composteiros a domicilios e pequenos establecementos de hostalaría e construiranse tres centros de compostaxe comunitarios, dous deles en Cambados e un en Meis.

O obxectivo é cumprir coa lexislación que obriga a xestionar de xeito diferenciado a materia orgánica. É dicir, xa non se poden botar os residuos orgánicos no contedor verde, se non que deberá ser xestionado de xeito adecuado mediante a compostaxe doméstica e comunitaria. Esta fórmula de xestión mellora o impacto ambiental, pois reduce a cero o seu desprazamento, que actualmente son tratados na planta de Sogama situada a máis de 100 quilómetros dos concellos. Por outra banda, coa súa implantación total, pode chegar a abaratar o custe dun servizo que é deficitario e supón un dos gastos máis importantes dos municipios.

En Cambados repartiranse 378 composteiros domésticos para os solicitantes que teñan unha vivenda con terreo dentro do termo municipal, ben sexa primeira ou segunda residencia. Do mesmo xeito, no Concello de Meaño distribuiranse 318 a todos os domicilios que o soliciten. Para ter un composteiro é preciso ter vivenda no municipio e dispor dun terreo onde poñelo. En Meis estableceranse 145 deles en domicilios e tamén en bares e cafeterías que o queiran.

As entregas faranse en charlas explicativas nas que non é necesario apuntarse, aínda que, dende a organización, agradecen que os avisen para poder facer unha previsión. Estas reunións terán lugar en Cambados a partir do 12 de agosto, ás 11 horas no Centro Cultural de Oubiña; en Meaño a partir do martes 6, ás 11 horas no Centro Cultural de Padrenda; e en Meis a partir do 20 de agosto, ás 20 horas no Centro Social de Paradela. O Servizo de Compostaxe da Mancomunidade do Salnés encárgase de dar a formación para que todo o proceso se realice dun xeito cómodo e sen ningún tipo de problemas.


Comentar