O comercio de O Grove premia as compras escolares con agasallos para os nenos
Vilagarcía de Arousa
A iniciativa terá lugar dende o 2 ata o 15 de setembro
02 Sep 2024. Actualizado a las 16:31 h.
A Asociación de Comerciantes e Empresarios Emgrobes presentou onte a súa campaña dedicada aos máis pequenos da casa, Volta ó Cole, de promoción do comercio local adscrito ao Centro Comercial Aberto de Tendas e para incentivar e premiar as compras no municipio. O obxectivo é seguir promovendo e dinamizando o consumo na vila, polo que lanza esta campaña coincidindo coa data na que se realizan as compras para a volta ao cole.
Así, dende o día 2 de setembro e ata o 15, as compras no comercio local terán premios pensados para o gozo dos nenos e das nenas. A campaña consiste en entregar aos clientes unha invitación para os pequenos, xa que o domingo, 15 de setembro, celebrarase na praza do Corgo, a partir das 17.30 horas, unha festa dedicada aos máis pequenos, onde poderán participar en diversos xogos, no toro mecánico, tobogán de auga e carrilanas.
Así, a asociación volve realizar esta campaña para os máis pequenos coa festa da Volta ao Cole. Emgrobes aposta por este formato con xogos inchables para nenos de todas as idades, tras o éxito dos anos anteriores, porque a volta ao cole como campaña naceu para premiar aos nenos dos clientes do CCa que merquen durante esas datas no comercio local.
Ademais destes xogos que serán o colofón final da campaña, Emgrobes tamén realizará sorteos a través das redes sociais de vales de compra canxeables no propio comercio da CCa para ter un retorno nos socios. Todo isto, segundo aseguran dende a asociación, para seguir incentivando as compras no CCa de tendas e tamén para premiar e fidelizar aos clientes, que seguen confiando nos veciños para facer as súas compras durante estes primeiros días na que os nenos e nenas volven ao cole.
Dende Emgrobes animan a que os veciños e veciñas do Grove meerquen durante esta campaña na que se invirte nos seus establecementos, que soliciten os convites para os seus pequenos e que grandes e maiores gocen da campaña e axuden á economía da vila.