La Voz de Galicia

Tamara Andrés e Oriana Méndez gañan o premio Plácido Castro cunha tradución ao galego dun poeta francés

Vilagarcía de Arousa

Raquel Cocaño, B.C. Cambados / La Voz
Tamara Andrés e Oriana Méndez (dereita).

É a primeira vez que o certame recoñece unha versión en verso neste idioma

03 Sep 2024. Actualizado a las 17:31 h.

O xurado da 22.ª edición do premio de tradución Plácido Castro reuniuse este luns en Cambados, na sede da fundación co mesmo nome, para dar a coñecer aos gañadores da edición do 2023. Tras avaliar as obras presentadas, o xurado acordou outorgarlle o premio a Tamara Andrés e Oriana Méndez pola obra As Iluminacións, de Arthur Rimbaud. O comité destacou a especial dificultade da tradución que ofrece unha nova achega a un autor fundamental da literatura universal. Igualmente, resalta que «mantén a capacidade de evocación das imaxes e textos orixinais, así como a sonoridade» e que «ofrece unha versión creativa particular que enriquece vivamente a comprensión lectora».

O comité estivo composto por Xesús Riveiro Costa, da Xunta de Galicia; Patricia Buxán, da asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación; Andrea F. Maneiro, da asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega; Xosé María Gómez Clemente, do departamento de Tradución da Universidade de Vigo; Xulio Ríos, da Real Academia Galega; e Jacobo Domínguez Pedreira, quen actúa en calidade de secretario do xurado en representación da Fundación Plácido Castro, con voz pero sen voto.

As Iluminacións é unha colección de poemas en prosa do poeta francés Arthur Rimbaud. É a primeira vez que o premio Plácido Castro de Tradución recoñece unha versión poética ao galego. 

O premio está dotado con diploma e unha peza escultórica denominada «Babelio», deseñada expresamente para o concurso por Xaquín Chaves. A dotación económica é de 3.000 euros e desde a fundación preséntano como un referente no sistema literario galego.  A cerimonia de entrega do premio terá lugar coincidindo co Día Internacional da Tradución.

Autoras e obra

Tamara Andrés é graduada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo e titulada no mestrado en Estudos Teóricos e Comparados da Literatura e da Cultura pola USC. No 2015 publicou Amentalista, unha particular homenaxe ao pintor René Madritte, que mereceu a súa atención en diversas investigacións e artigos. Nese mesmo ano gañou o concurso de poesía O Facho con Nenaespiraes, un poemario publicado na editorial Medulia. A finais do 2017 publicou Corpo de Antiochia na colección Dombate da editorial Galaxia, poemario autotraducido ao castelán e finalista do premio nacional de poesía Joven Miguel Hernández 2018. Nese ano tamén comezou a dirixir con Marcus Daniel Cabada a revista Ligeia.

Oriana Méndez é licenciada en Filoloxía Galega pola USC. O seu labor poético está recollido en diferentes publicacións, sendo habitual a súa presenza en proxectos de acción poética e encontros de poesía. No 2003 colaborou na elaboración do libro Xuro que nunca volverei pasar fame, publicado por Redes Escarlata.No 2014 gañou o premio de poesía do Concello de Carral co poemario O que precede a caída é branco. No 2019 foi vencedora do premio do quinto certame de poesía Rosalía de Castro de Padrón coa súa obra O corazón pronúnciase extenso. No 2020 foi a gañadora do premio de poesía Afundación coa súa obra Interna.


Comentar