La Voz de Galicia

A senda peonil que une Vilanova e Vilagarcía contará con nova iluminación

Vilagarcía de Arousa

A Xunta inviste 260.000 euros en renovar as farolas no tramo de Corón

19 Sep 2024. Actualizado a las 20:09 h.

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas está a executar as obras de renovación e instalación de iluminación na senda peonil da estrada PO-549, que une Vilanova con Vilagarcía ao longo de 3,2 quilómetros. A actuación afecta ao tramo de Corón e conta cun orzamento de 260.000 euros.

As novas farolas colócanse na marxe dereita da calzada e, de paso, estanse retirando os báculos existentes. Cada punto de luz está composto por unha columna de nove metros de altura, de sección circular, en aceiro ao carbono cun brazo de un metro, no que se coloca unha luminaria de SETGA ou equivalente, de 105 vatios de potencia, con corpo de aluminio extruído, segundo informa a consellería.

Dotarase tamén de iluminación específica os pasos de peóns situados nos puntos quilométricos de 3+400, 4+600 e 7+850, onde se proxecta a instalación de dous puntos de luz de reforzo para cada un dos pasos de peóns, con puntos de luz formados por columnas de ata 6 metros de altura, de estrutura cilíndrica en aceiro ao carbono, con brazo orientable, nas cales se instalarán luminarias, con 36 led de alto rendemento.

No marco dos traballos en execución inclúese a canalización necesaria para a instalación do cableado e as actuacións complementarias de demolición de cimentacións de báculos existentes. Tamén se reporá o pavimento na beirarrúa e na senda, así como os bordos que se vexan afectados polos traballos que se están a executar.


Comentar